Publicador de contidos
Publicador de contidos

A China anuncia unha investigación por competencia desleal contra o porco europeo

A China anuncia unha investigación por competencia desleal contra o porco europeo

Isto podería afectar especialmente a España, xa que se trata do principal exportador de porco á China dentro dos Vinte e sete

En 2023, segundo datos citados pola patronal porcina Interporc, España exportou á China máis de 560.000 toneladas de produtos de porco por valor de 1.223 millóns de euros

O ministro Planas cre que unha guerra comercial non é boa para ningunha das partes

G24.gal 17/06/2024 10:11

O Ministerio de Comercio da China anunciou este luns unha investigación por competecia desleal contra certas importacións de carne de porco e derivados procedentes da Unión Europea, unha anticipada resposta aos aranceis impostos por Bruxelas aos vehículos eléctricos chineses.

Isto podería afectar especialmente a España, xa que se trata do principal exportador de porco á China dentro dos Vinte e sete. Algúns analistas xa indicaran que Pequín buscaría que as súas represalias polos aranceis se centrasen nos países considerados como os seus impulsores, entre os que se atopa España. 

Segundo indicou Comercio na súa páxina web, a petición para investigar as importacións de porco europeo á China foi presentada o pasado día 6 pola Asociación Chinesa de Gandería. As pescudas centraranse nos produtos importados en 2023 e nos danos que estas compras provocaron ao sector chinés entre 2020 e 2023.

O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, amosou a súa confianza en que haxa entendemento coas autoridades chinesas sobre a investigación aberta aos envíos de carnes e derivados do porco europeo porque "as guerras comerciais non son boas para ninguén".

No proceso revisaranse produtos como carne de porco ou casquería, tanto refrixerados como conxelados, así como graxa dese animal e derivados dela ou de vísceras, apunta o comunicado, que apunta que a investigación comezará hoxe e prolongarase durante un ano, con opción a ampliala outros seis meses adicionais "baixo circunstancias especiais".

Unha investigación anticipada

A finais de maio, semanas antes da data en que se esperaba que Bruxelas anunciase os aranceis aos eléctricos, a prensa oficial chinesa avanzou a posibilidade de que algunhas empresas solicitasen esta investigación, e o pasado venres confirmou que se presentou oficialmente esta petición.

Un día antes, o portavoz de Comercio Hei Yadong limitouse a asegurar que as industrias chinesas "teñen dereito a presentar unha solicitude de investigación" sobre as importacións desde Europa de porco e tamén de lácteos. "Se se cumpren as condicións para presentar un caso, a autoridade investigadora iniciará o procedemento de presentación e anunciarao publicamente", adiantou o voceiro, que asegurou que esta iniciativa axustaríase ás normas da Organización Mundial do Comercio (OMC) e que entra dentro do dereito das empresas chinesas a "protexer a orde normal da competencia no mercado".

En 2023, segundo datos citados pola patronal porcina Interporc, España exportou a China máis de 560.000 toneladas de produtos de porco por valor de 1.223 millóns de euros, o que converteu ao país asiático no destino do 20,33 % das vendas exteriores de porcino, aglutinando o 13,7 % do valor total.

Sector clave para España

Este sector é clave para as exportacións agroalimentarias desde España á China: o 61 % da facturación que obtén o país ibérico neste sentido procede da venda de porco, seguido de lonxe polas bebidas e polo aceite -principalmente, de oliva-, segundo datos oficiais.

"Os aranceis agrícolas, como os dirixidos contra o brandi francés ou o porco español, poderían ser un castigo para os dous principais impulsores (París e Madrid) da investigación aos eléctricos", indicou onte a consultora Trivium China, que anticipou que Pequín daría unha resposta "selectiva" aos aranceis tanto a nivel xeográfico como de sectores afectados.

"A China non quere unha guerra comercial con Europa", asegura esa firma, en referencia á oposición de países como Alemaña aos aranceis aos eléctricos. Entre outras posibles represalias, a prensa oficial chinesa avanzou recentemente un plan para elevar a ata un 25 % as taxas impostas á importación de sedáns e todo camiño (SUV) con motores de máis de 2,5 litros. O pasado mércores, a Comisión Europea anunciou aranceis adicionais do 21 % de media á importación de vehículos eléctricos desde China como conclusión dunha investigación antisubsidios iniciada en outubro do ano pasado

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade