Publicador de contidos
Publicador de contidos

A China conclúe os seus xogos de guerra arredor da illa de Taiwán

A China conclúe os seus xogos de guerra arredor da illa de Taiwán

No mesmo anuncio aseguraban que manterían os exercicios regulares e as operacións habituais na área

G24.gal 10/08/2022 11:41

A China deu por finalizadas as súas manobras militares arredor da illa de Taiwán, tras seis días ininterrompidos de exercicios con lume real na zona, anunciou hoxe o Exército Popular de Liberación (EPL).

Nun breve comunicado publicado na rede social Weibo, equivalente na China a Twitter, o portavoz do Comando do Teatro de Operacións Oriental do EPL, Shi Yi, afirmou que completaran “con éxito” varios obxectivos nas recentes manobras.

No mesmo anuncio aseguraban que manterían os exercicios regulares e as operacións habituais na área, entre as que se inclúen as patrullas no Estreito de Taiwán.

Este comunicado chega o día despois de que o propio exército taiwanés comezara as súas manobras para poñer a proba a súa capacidade defensiva fronte a unha hipotética invasión por parte de China, exercicios que terán continuación o xoves.

Os xogos de guerra chineses comezaron o pasado xoves en resposta á visita a Taipei da presidenta da Cámara de Representantes dos EUA, Nancy Pelosi, e inicialmente debían concluír o domingo.

Taiwan describiu a presenza militar chinesa nas citadas áreas como un "bloqueo", e a presidenta insular, Tsai Ing-wen, cualificou a "deliberadamente elevada ameaza militar" da China de "irresponsable".

A China, que cualificou a visita de Pelosi como "farsa" e "traizón deplorable", reclama a soberanía da illa e considera a Taiwán unha provincia rebelde desde que os nacionalistas do Kuomintang se repregaron alí en 1949, tras perder a guerra civil contra os comunistas. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade