A chuvia complica a colleita da pataca na Limia
A chuvia complica a colleita da pataca na Limia
O 90 por cento da pataca está sen apañar, cando a estas alturas do ano a colleita tiña que estar rematando
As leiras están intransitables pola auga que caeu os últimos días e a partir do domingo aínda se prevé máis
As leiras da antiga Lagoa de Antela, unhas tres mil hectáreas, a metade de patacas, son as máis afectadas. A terra está chea de auga e as máquinas para recoller non dan entrado.
"O outono está vindo con moitas precipitacións e de moita cantidade de auga concentrada en pouco tempo, e iso implica que as terras non son capaces de desaugar, de drenar", di Servando Álvarez, técnico responsable do Centro Agrogandeiro do Inorde.
"Xa houbo dificultades para sementar e agora, para recoller, estámonos enfrontando ao mesmo", lamenta Mónica Míguez Bolaño, produtora de pataca.
Nas leiras que están máis enxoitas, andan apañando a marchas forzadas para aproveitar estes tres días, antes de que volvan as chuvias. Os que apañan á man, están collendo uns 7.000 quilos por persoa e día, cando o habitual, e xa é moito, son 5.000 quilos ao día.
A colleita á man é minoritaria pola grande extensión dos cultivos. Só se fai puntualmente e para a variedade kennebec, a acollida á indicación xeográfica protexida, que representa arredor do 25 % da produción total da Limia.
Segundo os cálculos dos agricultores, un noventa por cento da pataca aínda está na terra.
"Sen apañar, eu teño unhas vinte hectáreas. E coma min, a maioría dos produtores da Limia. Mesmo hai quen aínda non recolleu ningunha", afirma Mónica.
Tamén preocupa a situación sanitaria das patacas.
"A pataca está no chan nunhas condicións de moita humidade e, ademais, non vai frío: as temperaturas soben dos 20 graos polas tardes. Tes un caldo de cultivo ideal no chan para a proliferación de fungos e enfermidades que fai complicado o almacenamento posterior", explican desde o Inorde.
De seguir a chuvia, tal e como se prevé, calculan que máis da metade das patacas poden quedar sen recoller.