Desfeita nunha colleita de patacas de Agolada: "Eran ducias de vermes brancos"
Desfeita nunha colleita de patacas de Agolada: "Eran ducias de vermes brancos"
O agricultor nunca vira antes os vermes que lle estragaron a produción
Apareceron ao día seguinte de almacenalas, no fondo das esportas
Como cada ano Julio botou nestas tallas as patacas acabadas de apañar. Pero cando foi separalas por tamaños chegou a sorpresa. Había ducias de vermes brancos no fondo e moitas patacas non valían nin para darlles aos animais.
"Non é normal, pode estar algo danada, pero non tanta cantidade, isto é un desastre"
Este é o primeiro ano que ve cousa igual despois de toda a vida botando patacas nesta leira do lugar de Castro, en Agolada. Sementounas en abril, fertilizounas con esterco de cabra e folla de eucalipto e non notou nada fóra do común na planta.
"Eu fixen coma sempre, sulfatei contra o escaravello das patacas, pero tampouco vin que atacaran a folla das plantas"
A simple vista o verme non se detecta no campo de cultivo nin no tubérculo, de aparencia sa. O problema, di Julio, aparece no almacenamento.
"É a primeira vez que vexo semellante cousa, ao baleirar as tallas para a carretilla, aparecían cada vez máis bechos no fondo"
Malia que eran para patacas para consumo propio, custou cartos e traballo cultivalas, por iso Julio quere identificar o atacante. Xa se desfixo dos vermes, pero pola foto os expertos do Inorde descartan que se trate dalgunha das pragas específicas da pataca. Tampouco parece a temida couza guatemalteca, un organismo de corentena nalgunhas zonas de Galicia. Sospeitan que o misterioso visitante pode ser a larva dalgún escaravello que proliferou axudado pola humidade e a calor deste ano.