A chuvia concede unha agardada tregua en toda Galicia
A chuvia concede unha agardada tregua en toda Galicia
As comarcas de Ferrolterra e do Eume, as máis afectadas, intentan volver á normalidade
Na conca Miño- Sil, o río Avia permanece en prealerta por posibles enchentes
As intensas precipitacións e o desbordamento do Lagares anegaron Balaídos
As precipitacións non marcharon de Galicia, pero choveu con moita menos forza e por momentos o azul asomou no ceo. Era unha tregua moi agardada en Ferrolterra, unha das comarcas coruñesas máis afectadas polas treboadas.
En Narón, o río Freixeiro volveu ao seu leito, pero o parque continúa anegado e nas casas onde a auga entrou con forza tardarán varios días en recuperar a normalidade.
En Cabanas, sete das casas da avenida da Madalena, a maioría segundas residencias, quedaron anegadas. Todas están situadas por baixo do nivel do mar. Os veciños piden solucións mentres cruzan os dedos desexando que as preamares non volvan coincidir no tempo con precipitacións tan intensas coma as dos días pasados.
As previsións para os vindeiros días anuncian un descanso das chuvias en Galicia, tamén na provincia de Ourense. O río Avia rebordou en varios puntos ao seu paso polas localidades de Leiro e Ribadavia. É o único onde está activida a prealerta por posibles enchentes na conca Miño-Sil.
En Vigo, o desbordamento do Lagares provocou inundacións na zona do estadio de Balaídos, que tamén quedou anegado. A escasos cinco días do Celta-Sevilla, os danos nas instalacións son importantes.