Alertan do incremento dos ciberataques a pemes a través dos móbiles
Alertan do incremento dos ciberataques a pemes a través dos móbiles
A Cidade da Cultura acolle unha nova edición do encontro galego de ciberseguridade CIBER.gal
No encontro CIBER.gal, os expertos abordarán durante dous días, 9 e 10 de novembro, o estado da ciberseguridade no ámbito público e privado.
A xuntanza é unha das iniciativas promovidas e organizadas no marco do nodo galego de ciberseguridade impulsado pola Xunta de Galicia en colaboración co Instituto Nacional de Ciberseguridade, o Centro Criptolóxico Nacional, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica, AMTEGA, deputacións e concellos.
Adrián Lence, director da Área de Infraestruturas e Seguridade da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, AMTEGA, explicaba no Galicia por diante que o encontro contará con expertos internacionais e nacionais e que se celebrarán actividades dirixidas ós cidadáns para concienciar sobre os riscos dos ciberataques.
Lence alertaba do incremento dos ataques a pequenas e medianas empresas e a través do teléfonos móbiles.
" A ciberdelincuencia ataca a todo tipo de vítimas. O máis común son os cidadáns pero está a aumentar os ataques a pequenas e medianas empresas que non teñen concienciación sobre protección e seguridade. Cada semana vemos como se ven afectadas. Antes, os perigos chegaban a través do ordenador, era a forma tradicional de sermos atacados, pero hoxe en día chegan a través dos móbiles onde temos unha consciencia bastante menor de contar con medidas de protección".
Explicaba que as empresas poden acceder a axudas, a nivel nacional, que "permiten a transición tecnolóxica" e lembrou que desde a Xunta "estase a traballar en iniciativas, a través do nodo galego de ciberseguridade, para poñer a disposición dos cidadáns e das empresas servizos de ciberseguridade".
Lence destacou que "Galicia avanzou moito en ciberseguridade nos últimos anos. O fito máis relevante foi en xullo de 2020 cando se converteu na primeira comunidade autónoma en construír unha estrutura de cooperación público-privada para compartir e coordinarse en materia de ciberseguridade".
O director da Área de Infraestruturas e Seguridade de AMTEGA apoiaba a creación dun grande centro de datos autonómico, unha "nube galega". Un proxecto no que estuda Impulsa Galicia, a sociedade para o desenvolvemento de proxectos estratéxicos de Galicia, e que aspira a captar fondos europeos.
Lence cre que "favorecería a creación de industria e emprego especializado e de moito valor". Ademais apunta que sería positivo porque "hai determinados servizos que requiren dunha latencia moi esixente. Cando tes os CPDS fóra da comunidade autónoma, fóra de España, a latencia increméntase substancialmente e os servizos achegan menos valor". Por outra banda, destacaba que achegaría tranquilidade en materia de protección de datos, ao estar dentro do espazo europeo.