Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Cidade da Cultura custodiará o legado de Arcadio López-Casanova

A Cidade da Cultura custodiará o legado de Arcadio López-Casanova

Son 4.000 exemplares da súa biblioteca persoal, doados pola viúva, María del Carmen Paramio

A XV edición da Festa da Palabra homenaxeou o poeta A XV edición da Festa da Palabra homenaxeou o poeta
G24.gal 29/07/2023 19:41 Última actualización 29/07/2023 20:34

A Cidade da Cultura custodiará e divulgará o legado do escritor, poeta e profesor de literatura Arcadio López-Casanova, homenaxeado este ano na Festa da Palabra, na Insua dos Poetas do Carballiño.

Representantes da Consellería de Cultura, Educación, da FP e das Universidades, presentes no acto, coincidiron en salientar a "enorme erudición literaria" de López-Casanova (Lugo, 1942-Valencia, 2022), elixido no 2012 membro de honra da Real Academia Galega.

Salientaron o seu traballo tamén no teatro, literatura infantil e a docencia, así coma o seu compromiso por “renovar a poesía galega” sumando unha perspectiva “máis social”.

Segundo o director xeral de Cultura, Anxo Manuel Lorenzo, o seu legado merece ser recoñecido e cada vez máis divulgado e a Xunta está a catalogar toda a súa obra para poñela a disposición do público.

En concreto, anunciou que a Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura, custodiará o seu legado. Son preto de 4.000 libros da súa biblioteca persoal que foron doados pola súa viúva, María del Carmen Paramio, en marzo deste ano.

“O noso obxectivo é traballar co material para crear unha colección coa obra completa e dar visibilidade ao gran traballo literario de Arcadio”, avanzou.

Mural no Carballiño

Durante a Festa da Palabra, o director xeral de Cultura celebrou tamén as homenaxes realizadas no Carballiño, que sitúan a López Casanova “nun merecido lugar de privilexio, ao carón de Rosalía, Curros Enríquez, Pondal, Eduardo Blanco-Amor, Carlos Casares e outros moitos” a través dun novo mural de Antón Pulido.

Premios desta XV edición

Tamén se entregaron os Premios Insua dos Poetas, que este ano recaeron en Concha Blanco, na modalidade de literatura galega; no fotógrafo Xulio Xil, en creación artística; na Festa da Istoria, como iniciativa cultural e na Fundación Eira, na modalidade de defensa do medio natural.

Tamén se recoñeceu o papel da cultura galega no exterior, cos emigrantes en Bos Aires Dora Pegito e José María Magoso. Como colectivo local, premiouse o Club Deportivo Arenteiro e, na modalidade de Acción social, o recoñecemento foi para a Federación Down Galicia. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade