Publicador de contidos
Publicador de contidos

A colleita de pataca de Coristanco reduciuse un 15 % polos ataques de mildio

A colleita de pataca de Coristanco reduciuse un 15 % polos ataques de mildio

Malia que baixou a produción, a calidade e o sabor son excelentes, segundo os produtores

Pódense degustar esta fin de semana na Festa da Pataca de Coristanco

G24.gal 13/09/2023 14:14

Son días de moito traballo nos campos e nas envasadoras de Coristanco. A campaña vai moi avanzada, comezaron en xuño coa pataca de cedo e agora quedan as últimas leiras por apañar. Están moi satisfeitos co sabor e a calidade dos tubérculos. Pero este non foi un ano fácil, pola suba nos custos de produción e polos ataques do mildio.

"Houbo ataques moi fortes de mildio, este ano déronse as condicións pola temperatura e a humidade que tivemos. Aquí xa somos propensos e se deron as circunstancias,  o fungo colleu algunhas plantacións e fixo que se reducira a produción", explica José Miguel Negreira, produtor e envasador de Patacas Nela.

Calculan que a produción minguou un 15 %, recollendo uns 17.000 quilos por hectárea, fronte aos 20.000 dun ano normal. O prestixio desta pataca, da variedade kenebec, cultivada en secaño e apañada á man, fai que teña moita demanda dentro e fóra de Galicia. O que escasea é a remuda xeracional e a man de obra para apañala.

"En Coristanco somos pequenos produtores, recollemos e envasamos de maneira manual, como facían os nosos avós. En xeral todos os produtores vemos que hai un problema, non temos man de obra para recoller, cada ano é máis complicado e a xente que deixa de traballar non ten remuda que siga", engade José Miguel.

Por Internet, nas froiterías, mesmo na gran distribución...  pódese probar xa a colleita de Bergantiños. Ademais esta fin de semana celébrase a festa de exaltación en Coristanco, con postos de venda, degustación de cachelos e concurso de tortilla para os máis pataqueiros. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade