Esnaquizan unha viña da adega Moraima en Barro cortándolle 900 cepas
Esnaquizan unha viña da adega Moraima en Barro cortándolle 900 cepas
O valor da colleita estragada e das vides achégase aos 120.000 euros
Os autores da corta levaban ferramenta para tronzar as vides novas e as centenarias
Os socios da Adega Viña Moraima, en Barro, descubriron que alguén cortou na noite do xoves máis de 900 cepas das vides que teñen nun terreo a carón do seu local.
Estiman unhas perdas dun 120.000 euros porque a colleita deste ano está perdida, as vides novas tardarán catro anos en producir e algunhas das mellores cepas, que eran centenarias, xa non se poderán recuperar.
O venres pola mañá os socios descubriron que o máis da colleita de albariño e caíño estaba cortada.
"Achegámonos e vimos os cortes. Fixéronse nas cepas máis novas con cizallas e nas máis vellas supoñemos que se fixeron con serras eléctricas, a batería para non facer ruído. Foron cortadas sobre 900 e son cepas de catro anos que nós plantamos e despois, o que máis nos doe son cepas centenarias que se salvaran e se recuperaran e que agora tamén foran cortadas", relata Roberto Rivas, socio da cooperativa Viña Moraima.
Ante os danos presentaron denuncia na Garda Civil. Non saben a que responde esta agresión á súa colleita, din que non teñen problemas con ningún socio, nin traballador, nin acredor, e que é traballo de anos.
"Estamos falando arredor dos 120.000 euros. Pero ademais está o valor incalculable das cepas vellas. Aí o que temos que facer é pedir a valoración dalgún técnico que revise estas cepas", di Rivas.
A Garda Civil examina agora as imaxes dunha cámara de vixilancia instalada nunha empresa lindeira para ver se axudan na investigación dos feitos.