Publicador de contidos
Publicador de contidos

A comisión de festas de Matamá di que "pechar atraccións non é a nosa competencia"

A comisión de festas de Matamá di que "pechar atraccións non é a nosa competencia"

O presidente da organización dos festexos, Cristian González, defende que tramitaron a documentación: "O noso único cometido é unha declaración responsable da atracción, que así se realizou e así está adxunta ao noso permiso"

A comisión de festas traslada o seu pesar á familia da vítima e compromete a súa colaboración coa policía "para aclarar o sucedido"

Atracción en que se produciu o accidente (EFE/Salvador Sas)
G24.gal 07/08/2024 10:40 Última actualización 07/08/2024 14:21

A comisión de festas de Matamá, en Vigo, onde esta fin de semana se produciu un accidente nunha atracción na que morreu un mozo, asegura que fixeron os trámites que lles correspondían para organizar as festas, incluídas as atraccións, pero que "a comisión non ten competencia de darlle licenza nin de pechar ningunha atracción".

Cristian González, presidente asociación festas Matamá, explicou este martes que "as atraccións, segundo a lei que está vixente, teñen que presentar tres apartados importantes ao Concello, que son o proxecto, manual de funcionamento e libro de operacións, e nós como comisión dentro do permiso das festas o noso único cometido é unha declaración responsable da atracción, que así se realizou e así está adxunta ao noso permiso. O resto non é a nosa competencia".

González di que eran coñecedores de que o Concello avisara o propietario de que non tiña a documentación completa: "A nós infórmannos de que a documentación está incompleta".

Asegura que "como estabamos informados, nós como comisión volvemos trasladarlle á atracción que o Concello nos di que a documentación está incompleta".

O presidente da asociación de festas di que descoñecen se a atracción pasara a inspección técnica obrigatoria e tampouco sabían que o venres a Policía Local estivera no recinto da festa e que a atracción non estaba funcionando, aínda que posteriormente a puxeron en marcha. "Non teño coñecemento desa visita", di Cristian González.

Desde a comisión de festas di que desde que ocorreu o accidente "centrámonos en dar as condolencias á familia do falecido, e agora queda centrarnos en nós, na comisión de festas",  que "o estamos pasando bastante mal".

González quixo agradecer o "apoio que estamos recibindo" e asegurou que a súa intención é prestar "a máxima colaboración á policía para aclarar o sucedido".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade