Publicador de contidos
Publicador de contidos

A comisión de Peticións da Eurocámara pide igualdade para castelán e catalán na escola

A comisión de Peticións da Eurocámara pide igualdade para castelán e catalán na escola

"Os centros educativos de Cataluña deben ofrecer aos alumnos oportunidades adecuadas para que adquiran un bo dominio tanto do catalán como do castelán", di o informe

G24.gal 19/03/2024 10:07

A comisión de Peticións do Parlamento Europeo (PE) instou este martes as autoridades catalás e españolas a que aseguren que o ensino nas escolas de Cataluña dea o mesmo trato ao castelán e catalán "nas horas de ensino e curriculares" e a que a ningún neno se lle discrimine por ser hispanoparlante.

É unha das recomendacións finais do informe sobre a misión a Cataluña que levaron a cabo en decembro de 2023 unha ducia de eurodeputados para examinar a inmersión lingüística nas escolas da comunidade, que endurece o ton do primeiro borrador debatido nesta comisión hai un mes e engade, entre outras advertencias, a súa preocupación por que o réxime lingüístico catalán limite na práctica a liberdade de circulación europea.

Á misión asistiron deputados dos grupos do Partido Popular Europeo, Renovar Europa e os Conservadores e Reformistas, pero non da bancada progresista, quen considerou que a axenda de encontros estaba "politizada". A maioría conservadora do Parlamento Europeo, entre eles PP, Vox e Cuidadanos, apoia maioritariamente este informe.

A recomendación vai máis aló da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña (TSXC) que establece a obriga de que polo menos un 25 % da docencia sexa impartida en castelán a todos os alumnos do sistema educativo de Cataluña, principal argumento legal esgrimido polas familias que acudiron á comisión de Peticións da Eurocámara.

O borrador xa alertaba sobre a "falta de medidas para aplicar esta sentenza xudicial" que empuxaría aos cidadáns para "solicitar unha reparación xudicial para o seu propio caso de forma individual"; agora, mediante unha emenda aprobada, "fai un chamamento ás autoridades catalás para que non obstaculicen a execución desta sentenza".

Entre as emendas consensuadas ao borrador inicial, figura tamén a advertencia de que ditas medidas necesarias "non poden implicar en ningún caso a exclusión dunha das linguas oficiais como lingua vehicular" ou de que as materias non troncais (como a educación física) non poden equipararse neste cálculo ao ensino de materias troncais, como as matemáticas ou a historia.

"Os centros educativos de Cataluña deben ofrecer aos alumnos oportunidades adecuadas para que adquiran un bo dominio tanto do catalán como do castelán, así como os coñecementos lingüísticos necesarios para que teñan pleno acceso a todas as oportunidades laborais, sociais e culturais", insiste o texto.

Os eurodeputados engaden ao informe unha preocupación por unha potencial limitación á liberdade de circulación na UE -"xa que impide ás familias que se trasladan a Cataluña estudar en castelán, lingua oficial, o que afecta os seus dereitos e restrinxe as súas opcións de procura de emprego no seu propio país"- ou por que xere "graves disfuncións para os alumnos con necesidades especiais cuxa lingua materna é o castelán".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade