A Comisión Europea lleva a Hungría ao TXUE por non respectar os dereitos LGTBIQ+
A Comisión Europea lleva a Hungría ao TXUE por non respectar os dereitos LGTBIQ+
A Comisión determinou que a lei viola as normas do mercado interior, os dereitos fundamentais das persoas e os valores da UE
A Comisión Europea denunciará a Hungría ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea pola súa lexislación, que prohibe falar sobre a orientación sexual en escolas e medios de comunicación, inicialmente exposta como unha norma para loitar contra a pedofilia pero que espertou duras críticas polo seu carácter discriminatorio contra o colectivo LGTBIQ+.
Nun comunicado, a Comisión determinou que a lei viola as normas do mercado interior, os dereitos fundamentais das persoas e, en relación con eses dereitos fundamentais, os valores da UE.
"A lei húngara, en particular, sinala e persegue os contidos que «promoven ou representan» o que denomina «a diverxencia da identidade propia correspondente ao sexo de nacemento, o cambio de sexo ou a homosexualidade» para os menores de 18 anos", explicou o Executivo comunitario.
O envío do caso á corte europea con sede en Luxemburgo é o paso final dun proceso que comezou a inicios do verán de 2021 co envío por parte de varios comisarios dunha carta a Budapest para expresar dúbidas pola súa compatibilidade coa lexislación europea, non só respecto aos seus valores fundamentais senón a outras leis, coma a de servizos audiovisuais.
Tras un ano co expediente aberto, as autoridades húngaras "non abordaron suficientemente as preocupacións da Comisión en relación coa igualdade e a protección dos dereitos fundamentais" nin se comprometeron a ningún cambio para remediar as incompatibilidades da lei coas directivas comunitarias e non incluíron ningún compromiso para remediar a incompatibilidade.