A compravenda de coches usados cae en Galicia máis do 19 % no mes de maio
A compravenda de coches usados cae en Galicia máis do 19 % no mes de maio
En maio rexistráronse en Galicia 8.400 transferencias de automóbiles e todo terreos
A provincia de Pontevedra foi a que rexistrou o descenso máis acusado, por riba do 20 %
En maio a compravenda de coches usados caeu en España de media un 5,5 % en relación ao mesmo mes do ano pasado. En Galicia esa baixada foi superior ao 19 %. Rexistráronse menos de 8.400 transferencias. Esta caída é unhas das máis acusadas en España, só a superan Estremadura e Castela e León.
"En maio é certo que houbo un retroceso das vendas que levabamos nos últimos meses, pero a nós estannos a salvar tanto as feiras como a venda a través de Internet", explica Antonio Franco, xefe de vendas de vehículos de ocasión de Antamotor Grupo Dimolk.
Outra visión ten Carlos Beade, responsable de vendas de vehículo de ocasión de Grupo Breogán: "Abril non foi un mes moi bo e en maio xa notamos un incremento do paso de xente pola exposición e un incremento da demanda. Tamén é certo que coincidiu cun incremento de coches en stock".
Os datos da Asociación Nacional de Comerciantes de Vehículos (ANCOVE) fan referencia ao número de transferencias de automóbiles e todo terreo rexistradas, que se actualizan cada mes. Por provincias, encabezan o descenso Pontevedra e A Coruña, con caídas por riba do 20 %.
Entre as causas da baixada, no sector apuntan: "Malia que aínda non estamos cunha normalidade en canto á venda de vehículos novos, si que cando esta comeza o segmento de vehículo de ocasión baixa un pouco e iso é o que está a pasar", segundo o xefe de vendas de vehículos de ocasión de Antamotor Grupo Dimolk.
No que vai de ano, en Galicia transferíronse máis de 41.000 vehículos de segunda man, preto dun 15 % menos que no mesmo período de 2021.