A venda de coches de segunda man duplica a de vehículos novos
A venda de coches de segunda man duplica a de vehículos novos
As transaccións aumentaron un 8,2 % interanual, malia que en agosto experimentaron un lixeiro retroceso
Nos últimos anos, o mercado de coches de ocasión experimentou un crecemento significativo, tanto que agora a compra de vehículos de segunda man duplica a de vehículos novos. Malia que en agosto o mercado experimentou un lixeiro retroceso, as expectativas son boas.
No que vai de 2024 as vendas aumentaron por riba do 8 % interanual no conxunto de España. En Galicia, o crecemento foi algo máis moderado. Situouse no 6,4 %.
"O que máis demanda a clientela son coches de entre 15.000 e 20.000 euros e logo entre catro, tres ou dous anos, coches con tecnoloxías actuais", explica Pablo Conde, director comercial de Breogán Motor.
Un de cada catro coches ten menos de cinco anos. Os compradores buscan aforro, rapidez na disponibilidade e tamén certezas.
"O mercado de segunda man oferta vehículos moi testados, que ofrecen máis confianza aos consumidores antes que ir a outras tecnoloxías que son máis caras porque tampouco teñen moi claro o que mercar. É o principal problema que temos como consumidores. Se teño que cambiar de vehículo, que vou facer, onde vou elixir para poder acertar", comenta Bárbara Patiño, directora de márketing de Integral Motion.
Aumenta a demanda das tecnoloxías eléctricas e híbridas enchufables, pero a maioría das vendas continúan sendo de coches de combustión diésel.
Neste exercicio xa se comercializaron máis dun millón 300.000 vehículos de segunda man. O sector prevé superar a cifra de dous millóns de unidades ao peche de 2024 malia que o prezo medio rolda xa os vinte mil euros.