A compravenda de roupa usada medrou un 45 %
A compravenda de roupa usada medrou un 45 %
As plataformas dixitais son as que acaparan o maior volume de negocio
"Podes atopar roupa de moita mellor calidade a un prezo máis accesible", comenta un rapaz.
O aforro é un dos motivos polo que o negocio da compravenda de roupa usada está vivindo os seus momentos máis doces, pero non o único.
"Gústanme as tendas de roupa de segunda man porque atopas cousas moi curiosas, moi 'vintage'", opina un señor maior.
A venda de roupa usada subiu no que vai de ano un 45 por cento, e este ascenso parece imparable. No ano 2020 en plena pandemia, a facturación mundial situábase arredor dos 37 millóns de euros. O ano pasado pechou cunhas vendas de 110. Con todo, a tenda física non é a que máis nota este incremento.
"Ao principio si que a xente era como remisa, e agora, claro, o que pasa é que está de moda. O que pasa é que arrasa nas plataformas como Vinted, Wallapop e en mil delas, e entón a xente entra máis, pero non é que compre máis", apunta Lourdes García, propietaria de Naftalina.
Lourdes foi a primeira en montar unha tenda de segunda man en Santiago. As súas pezas non superan os 60 euros e moitas son exclusivas.
"Son un pouco especiais, pois iso igual de marca e logo tamén pezas un pouco máis antigas".
Malia que ten clientes maiores, son os máis novos os máis interesados en darlle unha segunda vida á roupa.
"Eu non, pero a miña filla si. Á parte de aforrar cartos, busca pezas retro, de tempos de atrás. Eu creo que o fai para marcar un estilo propio", explica unha señora.
Por iso ou por aforrar cartos ou por un planeta máis sostible. O certo é que a previsión para o ano 2026 é que as vendas de roupa usada van medrar ata un 127 %.