Os budistas de San Amaro dan practicamente todo por perdido tras o incendio do mosteiro
Os budistas de San Amaro dan practicamente todo por perdido tras o incendio do mosteiro
A comunidade xa pensa en reconstruír as instalacións e continuar co proxecto para crear a primeira universidade budista de Europa
As dúas monxas e o lama que residen todo o ano no mosteiro budista observan a devastación do lume. Perderon todo o que había no edificio principal, a cociña, a tenda, a biblioteca, o comedor e os dormitorios con máis de medio cento de camas para albergar ás persoas que veñen aos retiros.
Pasaron a noite vixiando que non se avivaran as lapas que seguen. O lume comezou no dormitorio polo que pasa o tiro da cheminea. Tentaron apagalo con extintores e mangueiras pero sen éxito. En dez minutos estendeuse por toda a construción de madeira e pedra.
Axiña chegaron os bombeiros do Carballiño, pero case nada puido salvarse. Todo o pobo de San Amaro está arroupando esta comunidade budista.
O lume non afectou a gompa, o lugar de meditación, nin outras construcións do mosteiro. Aceptan a perda e alégranse de que non houbese vítimas. Pensan xa na reconstrución.
Polo de pronto dubidan de que poidan facer o retiro que ía traer 60 persoas de todo o mundo ata San Amaro en Semana Santa, pero séntense con forzas para seguir traballando no proxecto de crear neste bosque a primeira universidade budista de Europa.