Publicador de contidos
Publicador de contidos

A concentración Mototurística Rías Baixas reúne máis de 20.000 persoas en Portonovo  

A concentración Mototurística Rías Baixas reúne máis de 20.000 persoas en Portonovo  

No encontro, de carácter internacional, participou xente de toda España, Portugal, Italia, Francia e o Reino Unido

G24.gal 08/09/2024 16:44 Última actualización 08/09/2024 17:14

Desde 1986 ata o ano 2019 este evento celebrouse en Sanxenxo sen interrupción de maneira que quedaba marcado cada setembro nas axendas dos motoristas de toda España e tamén de Europa.

Despois de catro anos sen se celebrar, a contorna da praia de Baltar en Portonovo acolleu de novo, con éxito de participación, a trixésimo cuarta edición da Concentración Internacional Mototurística Rías Baixas.  

"Sanxenxo sempre chama e acolle moita xente... pero sempre tes esa dúbida. Son catro anos parados. Pero eu creo que o evento estivo á altura. Veu xente de toda España, Portugal, italianos, franceses, ingleses...", conta a TVG o Presidente de "Amigos de la Moto" de Sanxenxo, Sergio Prol Otero.

Este evento está no calendario da comunidade internacional dos que conducen motocicletas. Os que veñen, este ano máis de 20.000, aproveitan para pasar uns días na costa pontevedresa ao tempo que se reencontran cos compañeiros de viaxe neste grande evento festivo. 

"Ao final estás metida nun mundo, que eu grazas a el, persoalmente, coñezo moitísima xente, moitísima. Facemos un grupo encantador. De ano en ano chegan as concentracións, e ao final acabas reencontrándote con xente que te atopas nestes eventos", relata Mari Luz García, a vicepresidenta do Motoclube Fojeteiros de Narón.  

"En Sanxenxo atópome coma na miña casa, porque aquí teño unha gran familia, moi grande. É que a moto dáche a vida. Eu... desde Sevilla ata aquí son uns poucos quilómetros, pero dáche a vida... indo con cabeza", explica Silverio García, de Amigos por las motos Norte y Sur de Sevilla.  

Estes afeccionados e afeccionadas ao motor reencóntranse, comen nas carpas instaladas no paseo, e compran no mercado moteiro cheo de postos de roupa, accesorios, complementos e publicacións dos motoclubs. 

Son entusiastas das dúas rodas e cóntannos que acoden ás concentracións porque entre eles, entre os moteiros e as moteiras, hai unha auténtica irmandade máis aló das estradas.

O derradeiro evento do día, o paseo calmo pero ruidoso entre Baltar en Portonovo e praza do Mar en Sanxenxo. Despois as motos volverán ruxir conectadas coa estrada na viaxe de regreso.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade