A confraría de Noia é a única de Galicia que produce semente no seu propio criadeiro de marisco
A confraría de Noia é a única de Galicia que produce semente no seu propio criadeiro de marisco
A cría garante a rastrexabilidade do produto
Ao alcanzar a medida lévano ás bateas ou seméntano nos bancos marisqueiros
No criadeiro de marisco da confraría San Bartolomé de Noia, en Outes, teñen unha horta de algas mariñas. Nesta cámara de fitoplancto cultívanse microalgas para alimentar as que serán as futuras xeracións de ameixas, berberechos, ostras e outros tipos de bivalvos que, se todo sae ben, han chegar ás nosas mesas. Unha das biólogas do centro, Beatriz Sosa, explicounos o proceso.
"Cada dous días collemos as especies que necesitamos, mesturamos e dámosllelas ás larvas. A poslarva de babosa de xaneiro parece area pero son pequenas ameixas".
O proceso comeza recollendo directamente da ría de Noia exemplares reprodutores das distintas especies e provocando a súa desova e fertilización controladas. As microalgas cultivadas, flaxelados e diatomeas, serán o alimento das larvas e poslarvas que durante meses se van separando por tamaños en tanques ata chegar ás piscinas de auga de mar onde alcanzarán a medida para introducilas no medio natural.
"Estas desovaron o 26 de febreiro e o 18 de marzo quitáronse para a zona de poslarva. Aquí van estar uns meses ata que alcancen as 900 micras que é o momento en que a pasamos á zona de semente. Teñen que chegar aos 3-4 milímetros para levalas ou á batea ou a sementar", coméntamos Beatriz Sosa.
O outro biólogo responsable é Antonio Rama, que nos explica a última parte do proceso.
"Aquí, nas piscinas, xa hai auga de mar sen filtrar, a comida que vén nesa auga, sen control de temperatura, é dicir, témolas en todas as condicións xa para preparalas para cando as introduzamos no medio natural".
A especie máis rendible é a xapónica, a máis resistente. Pero no caso da ameixa fina o ciclo no criadeiro pode tardar máis dun ano. Un proceso longo e custoso que contan con abaratar se logran sementar con éxito tamaños máis pequenos dos actuais e aforrar, sobre todo, na enerxía necesaria para o bombeo de auga de mar.