'Galicia sabe amar', cinco foros gastronómicos promoverán os produtos do mar
'Galicia sabe amar', cinco foros gastronómicos promoverán os produtos do mar
A Coruña, Vigo, Ourense, Lugo e Santiago acollerán estas citas sobre a materia prima e a oferta culinaria do país
Ao mesmo tempo, catro camións cociña que levarán a 250 concellos da península o mellor do mar a través de receitas de petiscos
'Galicia sabe amar' é unha campaña da Xunta de Galicia destinada a animar ao consumo de peixe e marisco. Catro camións comida percorren este ano a xeografía española. Celebraranse ademais cinco foros gastronómicos coa participación de múltiples profesionais do sector, que este mércores foron presentados en Santiago.
Galicia ten gusto a mariscos e peixes das nosas rías, pero tamén dos que a frota galega vai buscar outros caladoiros. Se algo distingue os produtos do mar galegos é a calidade. Promover esa excelencia e os beneficios para a saúde e o padal dos froitos do mar, é a meta desta campaña.
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, dixo no acto de presentación que o goberno galego quere "que todos se enamoren dos produtos galegos e poidan chegar a comprender o porque dun sentimento que desprende tanta paixón como é o de vivir o mar de Galicia. Queremos que desfruten o mesmo que nos levamos facendo anos".
En marcha xa este ano catro camións cociña que levan a 250 concellos da península, vencellados ao Camiño, o mellor do mar e a terra de Galicia a través de 10 receitas de petiscos. Para abrir boca: humus de fabas de Lourenzá e mexillón, berberechos con guacamole de pementos da Arnoia ou croquetas de queixo San Simón con bonito do norte.
A campaña vaise completar coa celebración de cinco foros gastronómicos participantes dun amplo espectro profesional que porán en valor a materia prima e a oferta culinaria do noso país.
Alfonso Villares di que "esta non é unha campaña máis de promoción de consumo dos produtos do mar. É unha auténtica mostra de admiración e de respecto da administración ao sector".
Os foros celebraranse nos próximos meses en Lugo, A Coruña, Santiago, Ourense e Vigo.