Publicador de contidos
Publicador de contidos

Ethel Vázquez reunirase co secretario de Estado de Transportes o 4 de outubro

Ethel Vázquez reunirase co secretario de Estado de Transportes o 4 de outubro

A conselleira de Infraestruturas esixirá información sobre os trens AVRIL, o corredor atlántico e a transferencia da AP-9

Atribúe o aumento de demanda nos autobuses da Xunta ás eivas do servizo ferroviario no eixo atlántico

 

G24.gal 24/09/2023 09:10 Última actualización 24/09/2023 12:37

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade reunirase o vindeiro 4 de outubro co secretario de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, David Lucas, para abordar as prioridades galegas en materia de infraestruturas dependentes do Estado.

Ethel Vázquez anunciouno nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana da Radio Galega. Nela dixo que por fin hai data para un encontro moi solicitado e que ata o de agora non tivera resposta por parte do Ministerio.

Insiste na necesidade de que o Goberno central dea información sobre o estado das infraestruturas e proxectos que desenvolven en Galicia, caso da chegada dos trens AVRIL, da transferencia da AP-9, do arranxo e o remate de autovías como a A-6 e A-54 respectivamente, entre outros asuntos. 

"Non temos transferencia da AP-9, nestes anos non puidemos avanzar. Non temos trens AVRIL, non temos plan do corredor atlántico de mercadorías. Non temos datas para avanzar nas autovías. Na autovía da Mariña, en vez de avanzar na autovía, o que temos é unha fochanca importante sen que se arranxe esa situación, que é problemática. O certo é que eu podo resumir que máis Sánchez significa menos Galicia. E a ver se nesa xuntanza do 4 de outubro podemos concretar para que se poida ter algún avance". 

Trens e autobuses 

A conselleira tamén insistiu na necesidade de que Renfe mellore os servizos ferroviarios do eixo atlántico. Segundo apuntou, a falta de frecuencias e prazas nos trens repercute nun aumento da demanda de servizos de autobús.

Conforme explicou, nos oito primeiros meses do ano rexistraron 22 millóns de viaxes en autobús, o que supón un 18 % máis que no mesmo período do ano pasado. Así mesmo, co comezo do curso universitario apreciaron un aumento de presión nos servizos entre cidades coma os de Santiago-Vigo, Santiago-A Coruña-Ferrol, e Lugo-Ourense-Vigo.

Asocia este aumento da demanda do autobús coa falta de prazas e frecuencias e co incremento de avarías nos servizos ferroviarios. E conclúe que por iso, ao seu parecer, hai "un transvasamento de usuarios do tren a usuarios do bus".

Ethel Vázquez considera positivas medidas como a gratuidade de bonos ferroviarios pero sempre e cando -indica- veñan parellos dun servizo acorde á demanda.

No que atinxe ao transporte de viaxeiros por estrada, a consellería de Infraestruturas convocou para este martes as federacións de transporte.

O obxectivo é "facer seguimento continuo" e "agardamos poder concretar as horas punta e as horas de pico de demanda, como actuar e como reforzar os servizos". 

"Pedímoslle ao Goberno de España o mesmo que lles pedimos ás concesionarias de autobuses das liñas interurbanas: que reforcen os servizos, que se anticipen para atender a todos os usuarios. Pero o que detectamos nos últimos días dende o inicio de aulas é un transvasamento de usuarios do tren a usuarios de bus por esa falta de prazas, falta de frecuencias e eu diría que de avarías practicamente diarias dos trens e por iso hai un transvasamento de usuarios do tren a usuarios do bus". 

Entrevista completa na Radio Galega
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade