Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Coral de Ruada, Premio Otero Pedrayo pola súa difusión da cultura e a lingua galega

A Coral de Ruada, Premio Otero Pedrayo pola súa difusión da cultura e a lingua galega

A agrupación, fundada no ano 1918, estivo moi vinculada ao movemento galeguista e á Xeración Nós

Coral de Ruada, distinguida co premio Otero Pedrayo 2024 Coral de Ruada, distinguida co premio Otero Pedrayo 2024
G24.gal 14/10/2024 18:36

A Coral de Ruada foi distinguida co Premio Otero Pedrayo 2024 polo seu papel "moi destacado" na defensa e difusión da cultura e a lingua galega.

O xurado deste galardón, que recoñece persoas ou entidades con notable achega á cultura galega, acordou outorgarlle o premio á formación ourensá porque "non se trata só dunha agrupación folclórica, senón que é unha institución galeguista e auspiciada pola Xeración Nós".

En concreto, tal e como lembra a Deputación de Ourense nun comunicado, a Coral de Ruada foi fundada no ano 1918, dous anos antes ca a revista Nós, na cidade de Ourense. Estivo moi vinculada ao movemento galeguista, con moitos dos membros da Xeración Nós, como o propio Otero Pedrayo, Vicente Risco, ou Florentino López Cuevillas, próximos á entidade.

O Otero Pedrayo é un premio honorífico que conceden desde 1977 as deputacións provinciais de Galicia, co apoio da Xunta. O premio é de carácter rotatorio e nesta edición correspondeulle a súa organización á Deputación de Ourense.

Ademais do coro, a Coral de Ruada, que recibiu numerosos premios, dispón da Escola de Música Tradicional Virxilio Fernández, o grupo de Teatro Xabier Prado Lameiro e a escola de baile Coral de Ruada.

A formación participa tamén en numerosos actos institucionais e colabora co Concello, a Deputación, a Catedral de Ourense e a Xunta de Galicia.

Por outra banda, organiza todos os anos o Premio Xabier Prado Lameiro, as xornadas LembradeNÓS, o Certame De Ruada, o Concerto dos Amigos no Teatro Principal e o Concerto de Nadal na Catedral de Ourense, entre outras actividades.

A formación está composta por 42 voces mixtas, dez instrumentistas e 16 bailaríns, baixo a dirección de Xoán Antón Vázquez Casas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade