A Coruña incorpora a modalidade da CanSilvestre para despedir o ano correndo con mascotas

É a primeira vez que a San Silvestre da cidade herculina incorpora esta modalidade

O prazo de inscrición continúa aberto en vistas dunha nova ampliación de inscritos

G24.gal 27/11/2023 20:12 Última actualización 27/11/2023 20:45

Claudia e Sabela xa participaron en tres ocasións anteriores na carreira San Silvestre da Coruña. Este ano repiten de novo e xa reservaron os seus dorsais para participar xunto a súa cadela Goya.

"Xa había outras carreiras en que podían participar cans, e nesta, que é das poucas en que participo, non podía e gustaríame que participase. Por sorte este ano pode participar", conta Sabela Veiga.

É a primeira vez que a San Silvestre da cidade da Coruña incorpora esta modalidade baixo o nome de CanSilvestre.  

"Son moitos anos que a xente sempre nos pedía poder participar coas mascotas disfrazados. Levabamos dous anos pensándoo e este ano decidimos que adiante", explica David Iglesias, presidente do Club Rialto e organizador da carreira San Silvestre. 

Estas dúas irmás practican desde nenas varios deportes. Entre eles, atletismo e fútbol, e recoñecen que a carreira non supón dificultade ningunha para elas. 

"Este ano, ao ter que correr con ela terei que ir máis amodo porque é unha cadela maior e non pode correr como corro eu normalmente", engade Claudia Veiga.

A San Silvestre reúne cada 31 de decembro milleiros de persoas para despedir o ano. Reina o humor, que desta volta poderá ser compartido coas mascotas.

Nun principio, a organización da carreira ofreceu cen dorsais para poder correr con mascotas. Esgotáronse en poucos días e a CanSilvestre ampliouse en 50 prazas máis. A falta de algo máis dun mes para a proba, non se desbota unha nova ampliación. 

"Iremos pouco a pouco, pero que a xente que queira participar, que poida", concreta o organizador da carreira.

O prazo de inscrición mantense aberto. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade