As mobilizacións do 1.º de Maio en Galicia esixen mellorar salarios e frear a precariedade
As mobilizacións do 1.º de Maio en Galicia esixen mellorar salarios e frear a precariedade
Un ano máis, os sindicatos concorren por separado
A CIG reclama "traballo digno" e CCOO e UXT marchan polo "pleno emprego"
Entrevistas na RG: sindicatos e empresarios discrepan sobre a redución da xornada laboral
A Coruña acolleu os actos centrais dos sindicatos este 1.º de Maio, Día Internacional dos Traballadores, unha xornada en que os sindicatos maioritarios CCOO, UXT e CIG demandan na rúa traballo digno, melloras salariais e redución de xornada.
Un ano máis, as mobilizacións non foron unitarias. A CIG convocou unha quincena de protestas por toda Galicia e fixo un chamamento a unha "gran mobilización" para demandar "traballo digno".
O secretario xeral da central nacionalista Paulo Carril puxo o acento na precariedade laboral e na caída dos salarios. Lembra que unha de cada tres persoas que traballa en Galicia cobra por baixo do Salario Mínimo Interprofesional e que a metade das familias galegas que se atopan en situación de pobreza teñen traballo.
Carril reivindica o dereito a traballar dignamente e cre que a loita e a mobilización é o único camiño para facer fronte a esta situación que cualifica de "crítica".
"Polo pleno emprego", lema das mobilizacións convocadas por CCOO e UXT
Nas mobilizacións convocadas en Galicia este Primeiro de Maio, os sindicatos CCOO e UXT demandaron avanzar en condicións laborais e en reducir xornada. Baixo o lema "Polo pleno emprego: menos xornada, mellores salarios" arredor de 5.000 persoas, segundo a organización, e máis dun milleiro, segundo a Policía Local, secundaron a protesta convocada na Coruña por ambas as centrais.
Na mobilización escoitáronse cánticos como "Convenio digno, salarios xustos" ou "Hai que recortar a xornada laboral".
A portavoz de CCOO Amelia Pérez demandou unha redución de xornadas laborais e o aumento dos salarios. "Hoxe é un día de reivindicación, de seguir mellorando a vida da xente. Que sigamos na senda do aumento do salario mínimo interprofesional", detallou, e censurou a temporalidade, que afecta en especial a sectores feminizados.
O secretario xeral de UXT en Galicia José Antonio Gómez pediu "fortalecer e recuperar dereitos e liberdades". "Avanzamos coa reforma laboral e o salario mínimo. Non chegamos ao que marca a carta social europea. Non é suficiente. Hai que recuperar máis dereitos", continuou. Tamén reclamou fortalecer os contratos de substitución e considerou "imprescindible reducir a xornada laboral" a 37 horas e media á semana.
Ambos falaron tamén sobre a próxima reunión co novo conselleiro de Emprego José González, ao que lle dan certa marxe de confianza, aínda que esperan que impulse políticas de emprego. Comentaron tamén a situación do mercado bancario, en que ven preocupación ante as fusións, que levan á "exclusión financeira" en determinados lugares.
Pontón, na manifestación da CIG en Vigo; Besteiro, na de CCOO e UXT en Lugo
"Hoxe é un día para reivindicar que ten que haber avances nos dereitos dos traballores e traballadoras". É unha das mensaxes que deixou en Vigo a portavoz nacional do BNG, onde participou na manifestación convocada pola CIG na cidade con motivo deste Primeiro de Maio.
Ana Pontón reclama "salarios dignos que permitan chegar a final de mes" e denuncia que a actual crise de prezos está facendo perder "poder adquisitivo" á clase traballadora. Afirma que o Goberno da Xunta precariza as condicións de traballo e non ten nin "política industrial" nin "alternativa de futuro".
O secretario xeral do PSdeG Xosé Ramón Gómez Besteiro participou nas mobilizacións convocadas en Lugo este Primeiro de Maio polos sindicatos UXT e CCOO.
Na marcha, o líder dos socialistas galegos pediulle ao presidente da Xunta Alfonso Rueda que "poña as pilas" en materia de emprego para conseguir "máis traballo e de maior calidade".
O líder do PSdeG reivindicou ademais políticas de igualdade para a clase traballadora. Denunciou que na actualidade en Galicia as mulleres cobran un 20 por cento menos que os homes por facer o mesmo traballo.