Chega á Coruña o Node Hub, un programa de incubación de empresas tecnolóxicas
O programa vaise presentar na Cidade das TIC da Coruña
Está dirixido a emprendedores con ideas innovadoras, que terán asesoramento de balde
O proxecto Node Hub é unha rede de emprendemento que ten como obxectivo fomentar a creación de empresas tecnolóxicas. O próximo martes preséntase na cidade das TIC da Coruña.
Este programa de incubación de empresas ofrecerá asesoramento de balde durante cinco meses a emprendedores con ideas innovadoras ou con proxectos empresariais que xa estean en curso.
"Está dirixido a todo o mundo que teña relación co mundo da empresa, tanto emprendedores como startups que teñamos aquí en Galicia. Temos expertos e temos investidores. Imos ter convidados que teñen experiencia e capacidade de investir en proxectos que temos aquí en Galicia, especialmente os tecnolóxicos", explica Roberto Touza, cofundador de Node Hub.
O proxecto Node Hub nace en colaboración co Clúster das Tecnoloxías da Información e das Comunicacións de Galicia e co Instituto Nacional de Ciberseguridade.
É un programa que se vai desenvolver ao longo de tres anos e que pretende aproveitar o potencial da Coruña como polo de atracción de empresas tecnolóxicas, trala creación recente da Cidade das TIC e da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial.