A Coruña publica a súa ordenanza municipal para regular as vivendas de uso turístico
A Coruña publica a súa ordenanza municipal para regular as vivendas de uso turístico
O Concello enviou notificacións aos 1.277 propietarios dos pisos que constan oficialmente
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, publicou unha ordenanza municipal para regular as vivendas de uso turístico, anunciada polo Concello en xuño pasado, para a que se enviaron notificacións aos 1.277 propietarios dos pisos que constan oficialmente.
En declaracións durante a visita ao barrio de Xuxán, xunto á ministra de Vivenda, Isabel Rodríguez, a alcaldesa especificou que esta ordenanza se centra en regular o uso turístico "sobre todo en zonas onde a disposición de vivendas en alugueiro é practicamente cero, moi escasa, e con prezos elevadísimos".
"Cremos que a sociedade nos demanda esa regulación e esas respostas e, sobre todo, dar solución a un problema que non só afecta aos novos, senón ás persoas maiores", explicou Rey.
Tamén manifestou a necesidade de traballar "da man" todas as administracións, incluso as locais "non tendo competencias", para liquidar o problema de aumento de prezos das vivendas e fomentar a disposición de vivenda pública, para a que hai 2.400 demandantes oficialmente rexistrados na Coruña aínda que "probablemente sexan moitas máis", apostilou.
A alcaldesa preconizou un compromiso "unívoco" entre as administracións públicas e destacou a importancia da visita deste xoves en que participaron tamén a conselleira de Vivenda da Xunta, María Martínez, e representantes da Deputación da Coruña.