Publicador de contidos
Publicador de contidos

Galicia roza as 22.000 vivendas turísticas: 4.000 máis que hai un ano

Galicia roza as 22.000 vivendas turísticas: 4.000 máis que hai un ano

As vivendas turísticas existentes en Galicia están preto da cifra total da Comunidade de Madrid, que conta con 22.430

G24.gal 30/10/2024 12:57 Última actualización 31/10/2024 19:18

Galicia conta cun total de 21.983 vivendas turísticas en agosto deste ano, o que supón case 4.000 máis que as 18.080 que había no mesmo mes de 2023, segundo os datos que publica o Instituto Nacional de Estatística (INE) este mércores.

 

 

No referente á distribución por concello, Vigo é o que conta con máis destas vivendas (1.616), seguido moi de preto por Sanxenxo (1.579). Os seguintes son A Coruña (1.023), Santiago de Compostela (661), O Grove (608), Cangas (460), Poio (441), Vilagarcía de Arousa (422), Foz, (419) e Pontevedra (414). Pola súa banda, Ourense ten 351, mentres que Lugo 257 e Ferrol 310.

A provincia de Pontevedra acumula o maior número de vivendas turísticas con 9.696. A da Coruña é a segunda con 8.129, seguida de Lugo con 2.998, mentres que en Ourense habería só 1.160.

Estas case 22.000 vivendas turísticas existentes na comunidade galega supoñen un total de 115.761 prazas -unhas cinco prazas de media por cada vivenda-, o que se traduce nunhas 20.000 máis que hai un ano.

Se a comparativa se fai co primeiro mes desta estatística experimental, agosto de 2020, Galicia anótase un aumento de preto de 9.500 vivendas turísticas, pois por entón contaba con 12.548. Hai catro anos, as prazas eran 67.050, 48.711 menos que actualmente.

A taxa de vivendas turísticas sobre o total de vivendas que hai en Galicia é do 1,25 %, dúas décimas máis que o 1,03 % de agosto de 2023.

Segundo esta estatística experimental do INE, as vivendas turísticas existentes en Galicia están preto da cifra total da Comunidade de Madrid, que conta con 22.430. Andalucía é a autonomía con maior número, con 88.435.

En España, hai case 400.000 vivendas turísticas, con preto de dous millóns de prazas dispoñibles en agosto de 2024. Son 1,5 % vivendas turísticas sobre o total de vivendas do país.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade