Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Coruña revisa a venda da Casa Cornide e dará audiencia aos Franco

A Coruña revisa a venda da Casa Cornide e dará audiencia aos Franco

O Concello dá un paso adiante para intentar recuperar a propiedade histórica

Casa Cornide Casa Cornide
G24.gal 10/04/2024 10:58

O Concello da Coruña anunciou a revisión de oficio para a declaración de nulidade do proceso de venda da Casa Cornide a Carmen Polo de 1962. Para isto dará audiencia aos Franco e pedirá ao Goberno que tamén revise a permuta coa que o edificio acabou en mans municipais.

A Casa Cornide é un palacete exemplo da arquitectura residencial da Ilustración en Galicia, do século XVIII no centro da Coruña, que en 1962 pasou a ser propiedade de Carmen Polo e, polo seu matrimonio en lucrativos, tamén de Francisco Franco, tras ser patrimonio do Ministerio de Educación e logo do Concello da Coruña. O 22 de xuño de 1962 pasou do Ministerio ao Concello, por un valor taxado de 344.813 pesetas, o 3 de agosto chegou a Pedro Barrié de la Maza por 305.000 e o 6 de agosto acabou en Carmen Polo por 25.000.

Tempo despois o concello anunciou a intención de recuperar a Casa Cornide para o patrimonio público e o ano pasado declarouna como Ben de Interese Cultural, tal e como fixo o Goberno co Pazo de Meirás (Sada, A Coruña). Agora, a alcaldesa, Inés Rey, aprobou o itinerario para buscar a reversión daquel proceso, segundo informan a EFE fontes municipais.

O primeiro que fará o Concello da Coruña é instar o Ministerio "de Educación, Formación Profesional e Deportes e ao Ministerio de Facenda a realizar unha revisión de oficio do acto administrativo de permuta". Isto co obxectivo de "esclarecer se (o inmoble) foi previamente desafectado como ben de dominio público e realizado de conformidade coa lei vixente entón".

Pola súa banda, o propio Consistorio tamén procederá á revisión de oficio para a declaración de nulidade de dous acordos do verán de 1962, o primeiro do 3 de xullo, co que se aprobou a poxa pública, e o segundo do 2 de agosto, de adxudicación mediante poxa pública a Pedro Barrié de la Maza. Para iso, unha vez inicie o proceso terá seis meses de prazo para concluír os traballos, pero previamente concederá "audiencia previa aos interesados no expediente de nulidade", é dicir, os herdeiros de Carmen Polo. Contarán con quince días de marxe para que "aleguen o que estimen oportuno" neste procedemento que busca a nulidade.

Ao mesmo tempo, o Concello solicitará un ditame do Consello Consultivo de Galicia, que contará con toda a documentación. Para esta estratexia hai un informe xurídico da Universidade da Coruña, de Carlos Aymerich, Carlos Amoedo e José Manuel Busto, que considera a operación fraudulenta co único obxectivo de transferir un ben do Estado ao patrimonio persoal de Carmen Polo e, por tanto, do entón xefe do Estado, Francisco Franco.

O inmoble é Ben de Interese Cultural desde o ano pasado, aínda que ata este momento non se cumpriu o réxime de visitas que establece a lei coa apertura ao público de catro días ao mes.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade