A costa de xaneiro no eido laboral, por María Cadaval
OPINIÓN
A costa de xaneiro no eido laboral, por María Cadaval
O peche da campaña do Nadal deixou pegada no mercado laboral español, no que se perderon 231.000 empregos. O paro aumentou en 70.744 persoas no mes de xaneiro, segundo os datos do Ministerio de Traballo e Seguridade Social, e fíxoo de xeito mais avultado entre as mulleres. Sete de cada dez novas persoas paradas son mulleres, que superan o 1.740.000 persoas. Hai un 60 % mais mulleres que homes sen emprego, malia que hai case 300.000 mulleres máis cotizando que hai un ano, preto dos 9,7 millóns.
Outro dos colectivos mais castigados pola destrución de emprego é o dos menores de 25 anos, cun incremento de algo mais de 7.000. A destrución de emprego concentrouse na hostalaría (-46.594), comercio (-45.093) e actividades administrativas relacionadas, fundamentalmente, co sector público.
Un exercicio máis, o ano comeza marcado pola destrución do emprego tras a campaña do Nadal e a contratación para a campaña de rebaixas, que se ve amortecida pola desestacionalización das promocións, especialmente no mes de novembro co Black Friday ou co Cyber Monday.
No outro prato da balanza, cómpre subliñar afiliacións á Seguridade Social, que engadiu medio millón de cotizadores con respecto a hai un ano, aínda que reflicten un arrefriamento acorde coas previsións para este exercicio. A perda conxuntural de emprego deste mes non se manterá, se ben a creación de emprego esperada terá menor intensidade que a do ano pasado.
Segundo os datos de emprego desestacionalizado, é dicir, sen ter en conta o impacto estacional do momento, o desemprego medraría en xaneiro dun xeito moi discreto, un 0,2 %, o cal dá conta desta tendencia positiva pero moderada que se espera para o crecemento económico.
En Galicia, xaneiro deixou case 1.600 persoas máis, polo que o total de desempregados é de 131.101 persoas. O incremento de paro sitúase no 1,23 %, un punto inferior á media nacional e case un 10 % por debaixo do desemprego en xaneiro do ano anterior, fronte a un 4,83 % de caída no Estado.
Na mesma liña en que evoluciona o emprego no resto de España, prevese que o comportamento neste ano sexa positivo, pero cunha creación de emprego menos intensa que a vivida o ano que acaba de rematar.
A tendencia á redución do paro é moeda corrente na zona Euro, que se mantivo o ano 2023 no 6,4 %, un 5,9 % se nos fixamos na Unión Europea. Neste contexto, España lidera a taxa de paro da UE, que practicamente dobra, cunha taxa do 11,7 % e un desemprego xuvenil do 28,6 %.