Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Cruz Vermella lanza unha alarma polo aumento da tensión en Oriente Próximo

A Cruz Vermella lanza unha alarma polo aumento da tensión en Oriente Próximo

A organización insiste en que o incremento das hostilidades agravará as emerxencias humanitarias

Pídelle ás partes implicadas dar prioridade á vida da poboación civil e respectar o dereito internacional

Edificios destruídos na Franxa de Gaza Edificios destruídos na Franxa de Gaza
G24.gal 06/02/2024 09:40 Última actualización 06/02/2024 10:28

O Comité Internacional da Cruz Vermella (CICR) lanzou este martes unha alarma sobre a intensificación da violencia en Oriente Próximo e apuntou ao crecente risco de que a guerra en Gaza se expanda a outras zonas da rexión, onde a situación humanitaria é moi fráxil.

"Esta rexión está sumida en crises humanitarias desde hai décadas, e a poboación civil no Iemen, Iraq, Líbano e Siria, entre outros lugares, é a que paga o prezo máis alto", dixo o director rexional do CICR para Oriente Próximo e Oriente Medio, Fabrizio Carboni.

Os Estados Unidos bombardearon o pasado venres varias instalacións en Iraq e Siria vinculadas á Garda Revolucionaria Islámica de Irán e a milicias proiranianas, en represalia polos ataques ás súas tropas en Xordania.

Desde entón, rexistráronse dúas respostas, sen vítimas mortais, segundo as autoridades de Defensa. En paralelo, os Estados Unidos e o Reino Unido levaron a cabo unha operación a grande escala contra os hutís no Iemen que causou numerosas baixas.

Ataques de Israel

Pola súa banda Israel, ademais da guerra que mantén co grupo islamita Hamas en Gaza, atacou de xeito regular obxectivos de Hizbulá en territorio do Líbano, próximo á fronteira.

En catro meses, os bombardeos hebreos deixaron na Franxa máis de 27.500 persoas mortas e 66.000 feridas.

O CICR insiste en que o incremento das hostilidades provocará máis sufrimento e agravará as emerxencias humanitarias.

"O que necesita e merece a poboación desta rexión é, ante todo, un respiro da violencia", sostén a organización.

A Cruz Vermella pídelle a todas as partes implicadas dar prioridade á vida da poboación civil e respectar os principios do dereito internacional humanitario.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade