A DINA descarga con forza na comunidade valenciana, que está en aviso laranxa
A DINA descarga con forza na comunidade valenciana, que está en aviso laranxa
Os bombeiros rescatan varias persoas atrapadas nos seus vehículos
As previsións apuntan a que o peor chegará esta madrugada e o domingo
Unha das zonas máis afectadas pola DINA é a Comunidade Valenciana. As chuvias, fortes e persistentes, anegaron rúas e baixos, e as treboadas causaron varios incendios. As previsións apuntan a que o peor chegará na madrugada próxima e mañá domingo. O centro de coordinación de emerxencias elevou o nivel de alerta nas tres provincias da comunidade.
A DINA que chegou á Comunidade Valenciana asañouse coa provincia de Castelló.
Os bombeiros fixeron numerosas saídas para rescatar as persoas que quedaron atrapadas dentro dos seus vehículos ou nalgunhas vivendas. Retiraron árbores caídas e acudiron a apagar varios incendios provocados polos raios.
Ata as dúas da tarde, no 112 recibiron case un milleiro de chamadas relacionadas coa chuvia, que se traduciron en máis de cincocentas incidencias. Esta DINA tamén deixou algunha manga mariña nesta praia de Castelló, e en Alacant vixían a enchente do río Seco, que ameaza con rebordar.
En toda a rexión rexistráronse precipitacións fortes e persistentes. Nalgúns puntos caeron case 200 litros por metro cadrado en apenas tres horas.
A chuvia complicou o tráfico ferroviario e problemas no metro. O Concello de Valencia decretou o peche de parques e xardíns e habilitou un local xestionado pola Cruz Vermella para acoller xente sen fogar. Para este domingo o centro de coordinación de emerxencias estendeu a alerta laranxa ás tres provincias da comunidade e pediu precaución sobre todo no interior de Valencia e en Alacant.