O Concurso Nacional de Danza congrega en Ourense un milleiro de participantes
Veñen de toda Galicia e doutras comunidades do norte para participar no certame que se celebra no Auditorio
É unha exhibición das distintas expresións da danza, desde os estilos clásicos aos máis innovadores
"Gustoume desde pequena, desde os cinco anos. É unha maneira de tranquilizarme, de relaxarme".
"Para min é un sentimento: aliviada, felicidade... reláxame moito".
"Sinto que só existen as miñas compañeiras e a canción. Hai que sentilo e xa está".
Tres das bailarinas que participan no certame explícannos as distintas maneiras de vivir a danza. Todas comparten a paixón polo que fan, na maioría dos casos desde idades moi temperás.
Neste certame do Concurso Nacional de Danza danse cita preto dun milleiro de participantes, de todo o norte de España. Un xurado profesional avalía as súas interpretacións, máis de seiscentas en toda a fin de semana.
"É un concurso de danza, que non é unha competición coma outras. Aquí todos os nenos reciben premio porque valoramos o seu esforzo e queremos axudalos a crecer neste mundo", explica Nefertari Picó, integrante do comité organizador.
O seguinte nivel é a fase europea, que este ano se celebrará en Francia.