Publicador de contidos

Publicador de contidos

Detido un veciño da Coruña por crear perfís falsos en apps de citas para extorsionar mulleres

Detido un veciño da Coruña por crear perfís falsos en apps de citas para extorsionar mulleres

A Garda Civil contabiliza nove vítimas, e ascende o importe total da estafa a 27.000 euros

O home está sendo investigado polos delitos de estafa, branqueo de capitais e extorsión

G24.gal 10/04/2025 09:35

O Equipo Milladoiro en colaboración co Equipo A Coruña de asesoramento, prevención e resposta en materia de ciberdelincuencia detivo un veciño da cidade herculina como presunto autor de delitos de estafa, branqueo de capitais e extorsión. O investigado creaba perfís falsos en apps de citas para estafar as vítimas.

A investigación iniciouse a principios deste ano, por mor do incremento das denuncias interpostas por estafas realizadas mediante o método Roman Scam.

Este tipo de estafa consiste na creación de perfís falsos, nesta ocasión en webs de citas, a través dos que realizaba a captación de vítimas, ocultando a súa identidade verdadeira. Unha vez convencía a vítima de que mantiñan unha relación sentimental, solicítaballe diversas cantidades de diñeiro argumentando as máis variadas situacións para conseguilo.

No transcurso da investigación, os gardas civís tiveron constancia da existencia de nove vítimas nas localidades de Abegondo, Arteixo, Brión, Fene, Vilagarcía de Arousa, Madrid, Sevilla e Valencia; o importe total da estafa ascende a 27.000 euros.

Tras a análise minuciosa da información solicitada, os responsables da investigación lograron a identificación plena do presunto autor, que resultou ser un veciño da Coruña.

A Garda Civil investiga esta persoa como presunta autora dun delito continuado de estafa, outro de branqueo de capitais e un terceiro de extorsión, ao constatar que cando algunha das vítimas descubría a estafa e se negaba a enviar máis diñeiro, este acosábaas telefonicamente e ameazábaas con publicar fotos íntimas.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade