A debate o prezo do peixe no I Congreso Internacional de Consumo
A debate o prezo do peixe no I Congreso Internacional de Consumo
Máis de 50 expertos debaten sobre alimentación, sostibilidade e calidade
O sector segue reclamando a rebaixa do IVE no peixe como medida para incentivar o consumo
Segundo un estudo elaborado pola Unión de Consumidores de Galicia, só o 35 % dos galegos consomen a cantidade recomendada de peixe, que é de tres ou catro veces á semana, o que repercute directamente na saúde.
"Os consumidores de peixe teñen ata un 30 % menos de mortalidade por infarto agudo de miocardio, incluso as arritmias potencialmente mortais vense reducidas ata nun 70 %" apunta Guillermo Aldama, cardiólogo do CHUAC.
Porén mércase un 60 % menos de peixe que hai un ano. Este é un dos temas que se debateu no I Congreso Internacional de Consumo, que se está a celebrar en Santiago. Captar as xeracións máis novas é un dos obxectivos para mellorar estas cifras.
"Non está a chegar o suficientemente ben os beneficios do seu consumo, quizais é moi importante que se traballen fórmulas como é a presentación, a preparación, que faciliten que sobre todo as xeracións máis novas que non están tan familiarizadas coa súa preparación e o seu consumo pois que poidan acceder dun xeito sinxelo, áxil e que lles permita beneficiarse das súas calidades", conta Miguel López, secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia.
Un 51 % dos galegos recoñece que non compra peixe porque é caro. Dende hai anos, todo o sector reclama un IVE superreducido. Con todo, hai expertos fiscais que recoñecen que esta medida só beneficiaría o consumidor con máis recursos, o que compra percebes, non xurelos.
"Vai ser un beneficio para el e en definitiva o obxecto do tipo reducido é un beneficio fiscal para facer que se consuman produtos de primeira necesidade quen ten máis dificultades, non se vai cumprir", opina Carlos Cruzado, presidente do Sindicato de Técnicos de Facenda.