Publicador de contidos

Publicador de contidos

A defensa de Santórum di que non hai probas que o vencellen co alixo do Karar

A defensa de Santórum di que non hai probas que o vencellen co alixo do Karar

A avogada afeoulle á Fiscalía non dixese "nin unha soa palabra de por que atribúe a xefatura" do suposto grupo criminal ao seu defendido

Juan Carlos Santórum (EUROPA PRESS) Juan Carlos Santórum (EUROPA PRESS)
G24.gal 13/02/2025 13:18

A avogada de Juan Carlos Santórum e outros seis procesados no xuízo do alixo de 3.800 quilos de cocaína a bordo do barco MV Karar no ano 2020 asegurou este xoves no seu informe final que "non hai forma" de relacionar os seus patrocinados co Karar.

Despois de que o mércores expuxeran os seus informes finais o fiscal e avogacía do Estado, este xoves chegou a quenda das defensas e a primeira foi a do principal acusado. Segundo ela, "non hai forma de relacionar o buque" cos seus patrocinados.

Ao representante do Ministerio Público afeoulle que en "dúas horas e vinte minutos" non dixera "nin unha soa palabra de por que atribúe a xefatura" do suposto grupo criminal a Juan Carlos Santórum.

Incidiu na "nulidade" de esccoitas practicadas nun dos coches que usaban algúns dos procesados por vulnerarse, na súa opinión, "dereitos fundamentais" e do "resto das probas por conexión". Sobre elas incidiu en que se produciu "un cribado policial" das gravacións, "seleccionadas e cortadas", con períodos de tempo non achegados sobre os movementos do vehículo, sen "seguridade xurídica" e con "mala calidade".

Chegou a afirmar que os "informes policiais se basean en especulacións" e que non hai "nada absolutamente incriminatorio" sobre os seus clientes en relación coa carga do Karar. Tamén dixo que rompeu a "cadea de custodia da rastrexabilidade do teléfono satelital" da embarcación, que "non se remitiu á sala", e sostivo que os seus clientes están ante unha "indefensión material".

Pediu igualmente a nulidade das cartas náuticas "supostamente achadas no Karar", que "non foron fotografadas" pola letrada da administración de Xustiza, cunhas anotacións a lapis que coincidían, segundo o escrito de acusación, coas aparecidas nunha nota que foi atopada nunha nave rexistrada en Galicia e sobre a que tamén solicitou que sexa expulsada.

As vistas deste caso con 28 procesados -inicialmente eran 29 pero un faleceu- que empezou a xulgarse en abril afronta a súa recta final. O Ministerio Público solicita 18 anos de prisión e unha multa de 438 millóns de euros para Santórum, mentres que para o resto pedía trece anos e medio de prisión e dúas multas de 400 millóns de euros, salvo para un funcionario de Aduanas ao que sorprenderon con 368.000 euros en dúas bolsas de plástico en Madrid e a muller deste. En ambos os casos, a Fiscalía require outros seis anos de cárcere e unha multa de 1,47 millóns de euros por un delito de branqueo de capitais procedentes do narcotráfico.

Entre os 28 procesados hai doce galegos, nove do Nepal, cinco de Bangladesh, un de Colombia e outro de Uruguai, aínda que con domicilio en Galicia.

No caso dos tripulantes estranxeiros, o fiscal rebaixou a petición de condena de 13 anos e medio a sete anos e tres meses, salvo no caso do único galego que ía a bordo do barco, José Manuel B. G., o capitán e o segundo ao mando, para os que pide sete anos e medio. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade