Publicador de contidos

Publicador de contidos

Detido por estafa un home que empregaba tarxetas prepago con códigos en Porto do Son

Detido por estafa un home que empregaba tarxetas prepago con códigos en Porto do Son

Mediante a análise das imaxes de videovixilancia dos establecementos afectados puidéronse vincular un total de dez denuncias presentadas tanto en unidades da Garda Civil como en comisarías do Corpo Nacional de Policía

A detención produciuse o pasado 10 de febreiro e o sospeitoso, que conta con numerosos antecedentes penais por estafas similares, foi posto á disposición do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 3 de Ribeira

G24.gal 13/02/2025 12:36

A Garda Civil do Posto Principal de Boiro detivo un home de 30 anos, veciño de Porto do Son, como presunto autor de varios delitos de estafa bancaria continuada labores mediante o uso de tarxetas prepago con códigos. Os delitos producíronse en establecementos das provincias da Coruña e Pontevedra entre novembro de 2024 e xaneiro de 2025, segundo indica o Instituto Armado nunha nota de prensa.

A investigación, enmarcada dentro da operación BonnPay, iniciouse tras recibir varias denuncias por parte de propietarios e empregados de estancos, gasolineiras, librerías e puntos de venda da ONCE, en que se describía un patrón. Segundo apunta a Garda Civil, o detido solicitaba unha ou varias tarxetas 'Paysafecard' –un sistema de pago mediante códigos prepago con valores entre 50 e 150 euros– e, unha vez xerados os recibos de compra, realizaba unha fotografía dos códigos co seu teléfono móbil baixo o pretexto de achegalo ao terminal para efectuar o pago.

Con todo, o pago nunca chegaba a completarse. O autor alegaba diversas escusas e prometía regresar co diñeiro en efectivo, “algo que nunca ocorría”, remarca. Cando os comerciantes tentaban anular a operación, xa resultaba imposible, pois o saldo das tarxetas fora trocado de maneira inmediata. Mediante a análise das imaxes de videovixilancia dos establecementos afectados, puidéronse vincular un total de dez denuncias presentadas tanto en unidades da Garda Civil como en comisarías do Corpo Nacional de Policía.

A detención produciuse o pasado 10 de febreiro e o sospeitoso, que conta con numerosos antecedentes penais por estafas similares, foi posto á disposición do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 3 de Ribeira. A investigación segue aberta ante a posibilidade de que existan máis vítimas deste tipo de fraude que aínda non presentasen denuncia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade