Publicador de contidos

Publicador de contidos

En liberdade os tres detidos por venda de drogas na Coruña

En liberdade os tres detidos por venda de drogas na Coruña

Os axentes incautáronse de 12.000 euros en efectivos e droga, e ademais recuperaron numerosos efectos subtraídos, xa que certas doses de drogas eran pagadas con material roubado

Están investigados por un delito contra a saúde pública

G24.gal 13/02/2025 11:46 Última actualización 13/02/2025 13:51

A Policía Nacional realizou catro rexistros domiciliarios e detivo tres persoas por venda de droga na Coruña. O 091 informou este xoves de que a operación Cum Laude rematou con tres detencións. A investigación iniciouse a finais de setembro do ano pasado por mor de queixas de veciños ante a inseguridade que xeraba a trasfega de compradores de substancias estupefacientes nun dos pisos investigados.

Os axentes puideron demostrar que terceiras persoas estaban relacionadas co principal investigado, pois tamén realizaban vendas de droga noutros barrios da cidade. Foi este pasado mércores, 12 de febreiro, cando a Brigada de Estupefacientes (UDYCO) uniuse á Unidade de Prevención e Reacción (UPR) e á de guías caninos para proceder ao rexistro de catro domicilios nos barrios de Sacra Familia e Agra do Orzán e deter a tres persoas.

Os axentes incautáronse de 12.000 euros en efectivos e droga e, ademais, recuperaron numerosos efectos subtraídos, xa que certas doses de drogas eran pagadas con material roubado. Aos tres detidos impútanselles os delitos de pertenza a organización criminal, receptación e tráfico de drogas, segundo detallou a Policía Nacional.

Os tres detidos pasaron esta mañá a disposición do maxistrado do Xulgado de Instrución nº5, en funcións de garda, quen decretou a súa posta en liberdade. Como medida, impúxolles a obrigación de comparecer cada 15 días no xulgado. Están investigados por un delito contra a saúde pública.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade