Investigan varios delitos de danos en relación coa vaga de incendios en Ribadeo
Arderon unha caravana, unnha palleira e un alpendre cun tractor situados no límite entre Piñeira e Vilaselán
As lapas superaron os sete metros de altura, e a piques estivo de arder tamén un piñeiral. Era o último episodio dunha serie de incendios rexistrados en Ribadeo, que calcinou unha caravana e provocou danos por valor de máis de 4.000 euros.
"Entraron, cortaron as plantas e sacaron cousas de dentro, que non se queimaron", di Paco García, dono da caravana incendiada.
Días antes, tamén arderan un alpendre cun tractor e mais unha palleira, todo na mesma zona limítrofe entre as parroquias de Vilaselán e Piñeira. En todos os casos, os afectados cren que alguén lles prendeu lume, o que está a provocar a preocupación, e mesmo o temor, da veciñanza.
"Dende logo, hai alguén que planta lume. Aquí en Piñeira, todos nos levamos de marabilla, e en Ribadeo que eu saiba non teño ningún inimigo. Tocoume a min como lle podía tocar a outro. De feito, xa lle queimaran ao carniceiro e á de Manolo, de Morgullón", lamenta Paco.
En relación con esta vaga de incendios, a Garda Civil investiga agora varios delitos de danos.