Publicador de contidos

Publicador de contidos

España supera os 49 millóns de habitantes grazas ao aumento da poboación estranxeira

España supera os 49 millóns de habitantes grazas ao aumento da poboación estranxeira

As principais nacionalidades dos inmigrantes que se sumaron á poboación española foron a colombiana, a venezolana e a marroquí

Ao 1 de xaneiro, o número de fogares situouse en 19.425.559, cun aumento de 33.401

Galicia suma case 4.000 habitantes grazas ao aumento de poboación estranxeira

G24.gal 13/02/2025 09:53 Última actualización 13/02/2025 10:45

A poboación de España superou os 49 millóns de habitantes -49.077.984 ao 1 de xaneiro de 2025- grazas ao aumento de estranxeiros, xa que diminuíron as persoas nadas en España.

Segundo a Estatística Continua de Poboación, que publica o Instituto Nacional de Estatística (INE), trátase do valor máximo da serie histórica, alcanzado tras o aumento en 115.612 persoas do cuarto trimestre. En termos anuais, o crecemento poboacional estimado foi de 458.289 persoas.

As principais nacionalidades dos inmigrantes que se sumaron á poboación española foron a colombiana, a venezolana e a marroquí.

O número de estranxeiros aumentou no último trimestre en 100.793 persoas, ata 6.852.348, mentres que a poboación de nacionalidade española creceu en 14.819 persoas.

Ao 1 de xaneiro, o número de fogares situouse en 19.425.559, cun aumento de 33.401.

Os maiores aumentos de poboación por comunidades

A poboación creceu en todas as comunidades respecto ao trimestre anterior; os maiores crecementos déronse en Melilla (0,57 %), Comunidade Valenciana (0,47 %), Madrid (0,44 %) e Cataluña (0,34 %); séguenlle, A Rioxa (0,29 %) e Murcia (0,28 %).

Por baixo da media (0,24 %) están Navarra (0,21 %), Castela-A Mancha (0,17 %), Asturias (0,15 %), e Galicia, Canarias e Castela e León (con 0,14 %).

Rexistraron un menor crecemento, Estremadura (0,02), Aragón (0,03), Andalucía (0,04), Ceuta (0,05), Baleares (0,07), País Vasco (0,12) e Cantabria (0,13).

Migracións exteriores

As principais nacionalidades dos inmigrantes no último trimestre do ano foron a colombiana (con 43.400 chegadas a España), a venezolana (30.500) e a marroquí (27.700).

Respecto aos estranxeiros que abandonaron España, destacan os de nacionalidade marroquí (con 12.300 saídas), colombiana (11.900) e romanesa (9.900). 

Galicia suma case 4.000 habitantes grazas ao aumento de poboación estranxeira

Galicia sumou case catro mil habitantes (3.821) no último trimestre de 2024, ao 1 de xaneiro de 2025, ata 2.715.424 persoas, un 0,14 % -unha décima inferior á media-, grazas ao aumento de estranxeiros, xa que diminuíron as persoas nadas en España.

En Galicia vivían 172.523 persoas con nacionalidade estranxeira ao 1 de xaneiro de 2025; mentres que ao 1 de outubro de 2024 vivían 166.99 persoas cunha nacionalidade distinta á española, segundo a estatística.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade