A economía española medra un 0,8 % no segundo trimestre polas exportacións
A economía española medra un 0,8 % no segundo trimestre polas exportacións
Segundo os datos do INE, o primario é o único sector en que descende a actividade
A economía española medrou un 0,8 % no segundo trimestre, a mesma taxa que nos tres meses anteriores, debido á boa marcha das exportacións, de acordo coos datos de contabilidade nacional publicados este martes polo Instituto Nacional de Estatística (INE).
Este crecemento intertrimestral sustentouse na demanda externa (exportacións e importacións), que achegou 0,5 puntos, e en menor medida na demanda interna, que contribuíu con 0,3 puntos.
O investimento empresarial aumentou un 0,9 % e encadeou dous trimestres en terreo positivo, aínda que o crecemento deste segundo foi moito máis moderado que o do primeiro (2,6 %). O investimento en vivenda, edificación e construción incrementouse un 1,3 %, tamén menor ao do trimestre anterior (2,8 %).
O consumo das familias mantivo un crecemento do 0,3 %, igual que no primeiro trimestre, e o gasto final das administracións públicas aumentou un 0,2 % e deixou atrás o terreo negativo do trimestre anterior, cando baixou un 0,6 %.
As exportacións subiron o 1,2 %, 2,1 puntos por baixo do trimestre anterior, mentres que as importacións baixaron un 0,2 %, 2,4 puntos menos que no primeiro trimestre.
O ministro de Economía, Comercio e Empresa Carlos Cuerpo asegurou que os datos "certifican o forte dinamismo da economía española", un crecemento que "segue sendo equilibrado", cunha achega "moi positiva" e un "excelente comportamento" do sector exterior, que reflicte "a competitividade das nosas empresas".
O primario é o único sector que baixa
Desde o punto de vista da actividade, a agricultura, gandería, silvicultura e pesca foi o único sector que descendeu, un 1,2 %; todos os demais creceron: os servizos un 0,9 %, a industria un 0,4 % e a construción un 0,1 %.
Dentro da industria, a manufactureira avanzou o 1,1 % trimestral, en tanto que dentro dos servizos os maiores crecementos foron o comercio, transporte e hostalería, un 2,8 %, e as actividades artísticas e recreativas, un 2,6 %.
En sentido contrario, descenderon as actividades inmobiliarias un 2,5 %, detalla o INE.
O emprego da economía, medido en horas traballadas, aumentou un 1 % trimestral, mentres que os postos de traballo equivalentes a tempo completo subiron un 0,3 % no segundo trimestre respecto a ao primeiro.