Publicador de contidos
Publicador de contidos

Francina Armengol, elixida presidenta do Congreso co apoio de 178 deputados

Francina Armengol, elixida presidenta do Congreso co apoio de 178 deputados

Contou co apoio de PSOE, Sumar, PNV, Bildu, ERC, Junts e BNG | PERFIL

Permitirá o uso dos idiomas cooficais na Cámara, tal como acordou o PSOE con Junts e ERC | Vox, que queda fóra da Mesa, non apoiou a Gamarra

A deputada balear Francina Armengol amosa o seu agradecemento tras ser elixida presidenta do Congreso (EFE/ Chema Moya)
G24.gal 17/08/2023 08:12 Última actualización 17/08/2023 14:54

A expresidenta das Baleares e deputada do PSOE Francina Armengol foi elixida presidenta do Congreso co apoio de 178 deputados, superando así a maioría absoluta necesaria en primeira volta grazas aos votos de Junts e do resto de socios parlamentarios de Pedro Sánchez.

Armengol convértese na cuarta muller que ostenta a presidencia do Congreso, neste caso da XV lexislatura, e representará a terceira autoridade do Estado.

A candidata do PSOE superou en votos a exportavoz do Congreso e secretaria xeral do PP Cuca Gamarra, que foi apoiada por menos deputados dos esperados, xa que finalmente Vox decidiu non apoiala e apostar polo seu deputado Ignacio Gil Lázaro, argumentando que os populares xa lles comunicaron que non lles axudarán a conseguir un posto na Mesa.

A presidenta da Mesa de Idade, a deputada socialista Cristina Narbona, cometeu un erro ao ler o resultado da votación da presidencia do Congreso debido a que atribuíu 129 votos á candidata do PP, Cuca Gamarra, que en realidade obtivo 139.

"Quería comunicarlles que parece que se entendeu pola miña banda 129 votos para a señora Concepción Gamarra Ruiz Clavijo, son 139, simplemente para que quede constancia", recoñeceu.

Gamarra obtivo 139 votos, os 137 do seu propio grupo e dous máis, que desde o PP atribúen a UPN e a Coalición Canaria, aínda que o voto é en urna e secreto. 

Acordo con Junts e ERC: o uso de linguas cooficias no Congreso

A nova presidenta do Congreso recibiu o apoio dos 7 deputados de Junts e dos 7 de ERC, que ata unha hora antes de iniciarse a sesión non decidiran o sentido do seu voto.

O acordo entre o PSOE e os independentistas cataláns para oficializar o uso do catalán nas sesións plenarias do Congreso facilitou a presidencia socialista, que tamén foi apoiada polos 31 deputados de Sumar, os 6 deputados de EH Bildu, os 5 do PNV e un do BNG, nunha votación con papeleta e con urna.

O principio de acordo co PSOE contempla impulsar o uso do catalán no Congreso. E sobre iso xa se produciron avances. De feito, Francina Armengol, comprometeuse a que no pleno da Cámara Baixa se poida debater e falar en todas as linguas cooficiais, en catalán, éuscaro e galego a partir da sesión de hoxe, na que se constituíu o Congreso e arrinca a XV lexislatura.

Outro dos crompromisos é crear unha nova comisión de investigación sobre os atentados terroristas de Barcelona e Cambrils do 17A, dos que este xoves é o sexto aniversario.

Outro dos puntos do acordo contempla a reactivación da comisión de investigación sobre o caso Pegasus, que afectou a decenas de dirixentes independentistas, que foron espiados a través dos seus teléfonos móbiles.

A portavoz do Goberno en funcións, Isabel Rodríguez, defendeu o principio de acordo alcanzado con Junts: "Hai que atender ao mandato da cidadanía nas urnas". En declaracións aos xornalistas á súa chegada ao Congreso dos Deputados, Rodríguez insistiu en que os cidadáns apostaron "claramente" polo progreso.

O expresidente da Generalitat Carles Puigdemont advertiu este xoves ao PSOE de que a posición de JxCat en relación á investidura de Pedro Sánchez está "exactamente onde estaba tras as eleccións", e lembrou que o pacto de hoxe se circunscribe á Mesa do Congreso.

Nunha mensaxe na súa conta de Twitter, Puigdemont avisou de que a Junts non lle moverán "promesas ou vontades políticas sen garantías de cumprimento de quen non xera ningunha confianza", e engadiu que, se chegan acordos futuros, será "porque levan incorporado o seu cumprimento de maneira comprobable", como é o caso da Mesa do Congreso, dixo.

Como parte do acordo para a Mesa do Congreso, o ministro de Asuntos Exteriores en funcións, José Manuel Albares, solicitou por carta ao Consello da Unión Europea a oficialidade do catalán, o galego e o eúscaro.

O presidente de Castela-A Mancha, Emiliano García-Page, valorou o acordo entre PSOE e Junts para a conformación da Mesa do Congreso, aínda que lamentou que Carles Puigdemont sexa "quen ten o mando a distancia da lexislatura", que "vai ser complicada, por non dicir que non vai empezar" se este "non se apea do referendo".

Díxoo na toma de posesión da socialista María Chivite como presidenta de Navarra, onde, tras coñecer o acordo para a Mesa do Congreso, sinalou que se abre agora "a feira ou o mercado", en alusión ás conversas políticas para a repartición de cargos que conlevan as alianzas.

ERC confirmaba tamén pouco antes un acordo co PSOE. 

O acordo ERC-PSOE versa sobre o uso das linguas cooficiais nas sesións da cámara baixa, unha comisión de investigación sobre o caso Pegasus, a espionaxe a políticos independentistas mentres gobernaba o PSOE e seguir avanzando por todos os camiños posibles para o que chaman "desxudicializar" o "conflito político" derivado de referendo de outubro de 2017.

Así o anunciou o voceiro de ERC, Gabriel Rufián, que aclarou que este acordo non supón un apoio explícito a unha investidura de Pedro Sánchez. "Iso é outro proceso, outra negociación, outro acordo", puntualizou.

A Mesa do Congreso contará con 2 vicepresidentes do PP, 1 do PSOE, e 1 de Sumar

A Mesa de Congreso terá maioría progresista de esquerdas ao sumar os postos que ocuparán o PSOE e Sumar que serán cinco, mentres que o PP quedará con catro cargos.

Despois de que o PSOE garantira a presidencia da cámara baixa, que será dirixida por Armengol, os postos que ocupará na Mesa serán os da vicepresidencia primeira de Alfonso Gómez de Celis e o da secretaría segunda para Isaura Leal.

Sumar, pola súa banda, tamén terá dous cargos, ao obter este xoves a vicepresidencia terceira con Esther Gil e a secretaría primeira con Gerardo Pisarello.

Pola súa banda, o PP conseguiu as vicepresidencias segunda e cuarta con Antonio Bermúdez de Castro e a galega Marta González, respectivamente, así como as secretarías terceira e cuarta nas que estarán Guillermo Mariscal e Carmen Navarro.

A votación da Mesa do Congreso, órgano reitor da Cámara, e decisivo á hora de admitir a trámite as iniciativas parlamentarias ou as peticións de comisións de investigación, evidenciou a ruptura entre o PP e Vox, xa que os populares decidiron non apoiar ao candidato do partido de Santiago Abascal e deixar fóra a Ignacio Gil Lázaro.

O deputado de Vox, que optaba por un posto na vicepresidencia ou na secretaría da Mesa só foi apoiado polos 33 deputados do seu partido.

Unha decisión que incidiu na votación principal, a da presidencia do Congreso, na que a exportavoz do PP Cuca Gamarra enfrontábase coa candidata socialistas Francina Armengol e foi castigada polos de Abascal, que tampouco a apoiaron.

A composición da Mesa do Congreso é clave para garantir a gobernabilidade e a estabilidade do futuro Goberno xa que os seus membros son os que deciden sobre a admisión a trámite das leis e proposicións que presentan os grupos e poden retardar ou acelerar as iniciativas parlamentarias. De feito ten soberanía para decidir sobre a composición dos grupos parlamentarios, precisamente o seguinte paso que debe dar o Congreso.

A Mesa elabora o orzamento da Cámara e controla os gastos e a súa execución. Armengol, a cuarta muller que dirixe o Congreso, encargarase de moderar os debates e manter a orde no hemiciclo.

A Mesa do Congreso deu por constituída a XV lexislatura despois de que os 350 deputados electos acatasen a Constitución.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade