A estación de tren da Coruña volve á normalidade tras resolverse a avaría do xoves
A estación de tren da Coruña volve á normalidade tras resolverse a avaría do xoves
Resultaron afectados 38 trens de media distancia, 5 trens de longa distancia e outros dous trens de mercadorías.
A estación de tren da Coruña volve este venres á normalidade tras ser resolto un fallo eléctrico que complicou a xornada de onte aos pasaxeiros do Eixo Atlántico dende primeira hora da mañá. Durante boa parte do día a avaría impediu a chegada e saída de trens da estación.
A última hora do xoves, os administradores ferroviarios informaron de que se reparou provisionalmente o fallo, e hoxe Renfe e Adif confirmaron a resolución total da avaría.
Tras as pertinentes comprobacións realizadas no "período de banda nocturna" (intervalo de tempo en que non circulan trens), os servizos que teñen como orixe ou destino a estación da Coruña están a prestarse sen incidencias.
Con todo, dende Adif informan de que os atrasos acumulados impedirán que a situación se normalice completamente no que queda de día.
Resultaron afectados 38 trens de media distancia, dos que 12 foron "suprimidos parcialmente"; así como 5 trens de longa distancia (dous deles suprimidos parcialmente) e outros dous trens de mercadorías.