Publicador de contidos
Publicador de contidos

A mostra de dinosauros en tamaño real que fascina os máis cativos recala en Tui

A mostra de dinosauros en tamaño real que fascina os máis cativos recala en Tui

Representa trinta destes animais dun xeito hiperrealista

Rematará a súa xira galega en xuño na Semana Verde de Silleda 

G24.gal 12/05/2024 20:38 Última actualización 12/05/2024 21:35

A exposición itinerante de representacións hiperrealistas de dinosauros, teñen trinta en total, estivo esta fin de semana en Tui. Os asistentes, moitos cativos, puideron contemplar a reprodución máis grande de España dun branquiosauro, que chega aos dez metros de altura.

Dinosauria Experience European Tour leva en Galicia desde xaneiro e rematará a súa xira en xuño na Semana Verde de Silleda. 

Pierre Cujean é o director da mostra, unha franquía que el e mais a súa familia do País Vasco francés importaron de Florida hai máis dunha década.

Levan por toda Europa trinta especies de dinosauros en tamaño real e moitos animados, con carteis explicativos das características destes animais extinguidos, no Cretácico, hai 66 millóns de anos. 

"Eu penso que como son animais dos que temos probas debido aos fósiles que se atoparon na Terra, son seres que realmente existiron, hai unha fascinación tanto dos pequenos como dos maiores por poder velos non a través dun libro senón vendo estas reproducións que se moven, con son, imaxinarse na súa cabeza o que eran", conta a TVG Pierre Cujean.

Protoceratops, Spinosaurus, mamut, o temido velocirraptor... todos son coñecidos para algúns visitantes, nenos que como xa fixeron outros de outras xeracións pasadas viven fascinados por estes "lagartos terribles".

A vindeira fin de semana estarán no Morrazo e acabarán a súa xira galega en Silleda en xuño.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade