Publicador de contidos
Publicador de contidos

A extensión dos exercicios militares en Taiwan ameaza o comercio global

A extensión dos exercicios militares en Taiwan ameaza o comercio global

Trátase dunha ruta clave para a subministración de semicondutores e do gas natural

G24.gal 08/08/2022 12:37

A prolongación dos exercicios militares da China arredor de Taiwán, que deberían concluír o domingo pero continúan este luns, aumenta o risco de renovadas interrupcións na cadea de subministración global ao ter lugar nunha das vías marítimas máis transitadas do planeta.

Aínda que A China anunciara que os exercicios militares no estreito de Taiwán, en resposta á visita á illa a semana pasada da presidenta do Congreso dos Estados Unidos, Nancy Pelosi, terían lugar entre xoves e domingo, as manobras aínda perduran.

O Exército de Liberación Popular (ELP) informou hoxe de que "continúa realizando exercicios prácticos conxuntos no espazo aéreo e marítimo ao redor da illa de Taiwán", centrados en operacións antisubmarinas e ataques aéreos con embarcacións como branco.

A extensión das manobras por parte da China, que considera a Taiwán parte do seu territorio e non descarta unha invasión da illa autogobernada, aumenta a incerteza sobre o obxectivo final das accións de Pequín e pon en risco a estabilidade dunha das principais rutas marítimas mundiais.

Case a metade da frota de contedores global e un 88 por cento dos barcos máis grandes por tonelaxe pasaron a través do Estreito de Taiwán este ano, segundo datos de Bloomberg.

Trátase dunha ruta clave para a subministración de semicondutores procedentes de Taiwán -fogar de TSCM, o maior fabricante mundial dunha compoñente clave nos actuais produtos tecnolóxicos- e o equipamento electrónico fabricado no leste de Asia, así como unha arteria esencial no transporte de gas natural.

Así, expertos advirten de que a máis mínima alteración nesta ruta pode sentirse na cadea de subministración global, lastrada pola pandemia e os confinamentos decretados na China, inmersa na súa política de cero covid, e a invasión rusa de Ucraína.

Pero hai un factor clave que devolve o optimismo aos expertos: A China ten moito que perder se a crise perdura, pois máis do 42 por cento das exportacións de Taiwán van dirixidas á China.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade