A familia de Caldas que perdeu o piso busca un teito
A familia de Caldas que perdeu o piso busca un teito
Hoxe teñen que abandonar o apartamento onde os realoxou o Concello como medida de emerxencia
O lume arrasou canto tiñan e non teñen recursos para alugar unha nova vivenda, nin rede de apoio
Esgótase o prazo. A familia que perdeu o piso por un incendio o venres pasado en Caldas está temporalmente aloxada nun apartamento turístico da vila, pero ten as horas contadas para atopar un novo teito. Pero Ana confesa entre bágoas que "de hoxe en diante non sei que vai pasar comigo. Non sei. Non teño palabras porque é moi forte"
O concelleiro de Facenda de Caldas, Jacobo Pérez, comprométese a "non deixar tirado a ninguén, pero a solución tampouco se pode postergar no tempo"
A situación de Ana é crítica. Leva sete anos vivindo aquí cos seus tres fillos, dous deles menores. Non teñen traballo, nin rede social. Perderon todo, incluso os poucos aforros dos que ían tirando. Ela mesma explica que leva dende o venres vivindo de doazóns das forzas de seguridade, de asociacións e de amigos:
"Non tiñamos nada. Amizades dos rapaces déronlles algo de roupa, un pantalón, algo de calzado, unha amiga miña, miña irmá... e con iso imos tirando. Axudáronme. Non me podo queixar"
"Váiselle poder seguir axudando con medidas de emerxencia social, con comida, roupa e tamén cunha axuda económica para pagar un novo alugueiro", segundo adianta o concelleiro
Entre os veciños, afectados tamén polo lume, comprensión total, pero tamén queixas. Polas súas vivendas aínda escorrega a auga sen que ninguén lles ofrecera unha axuda, aínda que fora mínima.