Publicador de contidos
Publicador de contidos

Arquívase a causa de Déborah Fernández por falta de probas contra o investigado

Arquívase a causa de Déborah Fernández por falta de probas contra o investigado

A xuíza alega falta de probas contra o único investigado

G24.gal 14/06/2024 14:56 Última actualización 15/06/2024 09:19

A maxistrada do Xulgado de Instrución número 2 de Tui acordou o sobresemento e arquivo provisional do caso no que se investigaba a morte da moza viguesa de 22 anos Déborah Fernández.

 A xuíza explica no auto, notificado este venres, que os indicios contra o único investigado non son suficientes como para imputalo.  

Na resolución, destaca que “nin os testemuños solicitados, nin a práctica da exhumación do corpo da vítima, nin a inspección dun cofre conxelador propiedade no seu día do investigado”, produciron “ningún resultado positivo para a investigación”, como tampouco o fixo a análise do móbil utilizado pola vítima que foi atopado en dependencias policiais.

Outra das cuestións que se analizou foi a suposta manipulación e borrado dun disco duro utilizado pola moza. Tras a investigación practicada, considera que non se acreditou que o borrado fose “intencionado e masivo”.


En definitiva, a instrutora considera que non existen indicios “contundentes e irrefutables” que permitan fundamentar a imputación delituosa. “Os elementos de xuízo que se achegan pola acusación...son meras sospeitas baseadas en datos non acreditados ou en contradicións nas declaracións do investigado ou de testemuñas, pero sobre aspectos incidentais”. Por iso, resalta que “ningún indicio hai de que o investigado e a vítima se visen esa noite, nin do lugar da morte, nin aparece vestixio algún do investigado no corpo da vítima ou no lugar onde este se atopou”. 

Ademais, engade que o investigado “explicou o que fixo esa noite e non se logrou evidenciar que fose falso”, pois afirma que “as súas contradicións e rectificacións afectan a aspectos accesorios do seu testemuño, pero non permiten afirmar, nin tan sequera indiciariamente, que el estivo coa vítima a noite da desaparición e que ademais a matou, deixando o seu corpo nunha gabia”.

A maxistrada insiste en que todo o investigado, tal e como sostén o Ministerio Fiscal, “permite elaborar hipótese, pero a exposta pola acusación particular parte dunha inferencia demasiado aberta, no sentido de que cos mesmos indicios poden alcanzarse tamén outras conclusións alternativas que impiden que a exposta e defendida poida darse por probada”. O auto non é firme, pois contra el cabe presentar recurso.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade