A familia do neno que faleceu no encoro de Mazaricos ve unha cadea de neglixencias
A familia do neno que faleceu no encoro de Mazaricos ve unha cadea de neglixencias
A familia asegura que o neno non sabía nadar, non levaba chaleco salvavidas e que a actividade non estaba programada nin autorizada
15 meses despois da morte dun escolar de Carballo afogado no encoro da Fervenza, en Mazaricos, durante unha excursión organizada polo colexio, a familia segue a loita xudicial por lograr que se faga xustiza.
Os feitos sucederon o 15 de xuño de 2021, cando un grupo de alumnos do colexio Fogar de Carballo participaban nunha excursión ao encoro. Acompañábanos 3 monitores dunha empresa de actividades de aventura e 2 profesores. Despois de realizar un percorrido en caiac, pediron permiso para bañarse.
Ao cabo duns minutos botaron en falta un dos rapaces e avisaron os servizos de emerxencias. Unha hora despois un bombeiro rescatou o seu cadáver do fondo do encoro. Desde entón a familia non cesou no intento de que se faga xustiza e se depuren responsabilidades pola morte do rapaz.
Cren que se debeu a unha cadea de neglixencias, como explica o seu avogado Estanislao de Kostka. Aseguran que o menor non sabia nadar, que a actividade non estaba programa nin autorizada polos pais e que aos nenos que se bañaron ordenáronlles quitar o chaleco salvavidas para non manchalos.
O caso está en fase de instrución no xulgado de Muros, onde declararon todas as partes, investigadores e testemuñas. Pero un informe pericial presentado polos acusados que insinúa que o neno puido morrer por causas naturais antes de afogar, indignou a familia. O seu avogado asegura que se trata dunha estratexia de defensa turbia e pouco ética.
Postos en contacto co colexio Fogar rexeitaron facer declaracións ao respecto do caso, para o que non hai aínda data de xuízo.