Publicador de contidos
Publicador de contidos

A familia do vigués falecido tras o concerto de Karol G busca testemuñas para esclarecer o "brutal ataque"

A familia do vigués falecido tras o concerto de Karol G busca testemuñas para esclarecer o "brutal ataque"

"Se viches algo, por favor, ponte en contacto connosco a través do correo electrónico justiciaparajuanfernandez@gmail.com", indican os parentes da vítima mortal nun comunicado

Concentración tras a morte do vigués Juan Fernández González (Diego Radamés/Europa Press) Concentración tras a morte do vigués Juan Fernández González (Diego Radamés/Europa Press)
G24.gal 01/08/2024 10:47

Familiares do home falecido tras recibir unha puñada dun mozo á saída do último concerto de Karol G en Madrid fixeron un chamamento público para localizar as testemuñas da agresión, para poder así esclarecer mellor o "brutal ataque" na vía xudicial.

A familia lembra nun comunicado emitido hoxe que o pasado 23 de xullo Juan Fernández González asistiu ao concerto de Karol G no estadio Santiago Bernabeu en compañía duns amigos. Á saída do mesmo, á 1 da madrugada xa do mércores, mentres camiñaba pola rúa Padre Damián falando por videoconferencia coa súa parella, Juan sufriu unha violenta agresión.

Segundo fontes da investigación, mentres facía a videochamada, un grupo de mozas que estaban detrás del increpárono porque pensaban que as estaba gravando co teléfono sen o seu consentimento.

Ante a lea, un mozo de 33 anos cunha gran tatuaxe no brazo achegouse a apoiar as rapazas e, sen mediar palabra, propinoulle por detrás unha puñada ao home vigués, que caeu ao chan coa mala sorte de golpear fortemente a cabeza contra o cemento.

Tras o ocorrido, ata o lugar acudiron sanitarios do Samur-Protección Civil, que comprobaron que a vítima sufría un traumatismo cranioencefálico severo con otorraxia esquerda. Sobre as 15:30 horas do día 24 faleceu na Unidade de Coidados Intensivos.

Axentes da Policía Municipal de Madrid, que regulaba o tráfico a poucos metros do sucedido tras o concerto celebrado no Bernabeu, realizaron a primeira asistencia e detiveron o agresor, que foi interrogado logo pola Policía Nacional. Dous días despois pasou a disposición xudicial.

Tras tomar declaración ao arrestado, o titular do Xulgado de Instrución número 6 de Madrid, en función de garda de detidos, ordenou a súa liberdade provisoria. Con todo, impúxolle as medidas cautelares de prohibición de saída do territorio nacional e a obriga de comparecer cada 15 días no xulgado ata que conclúa a causa. Investígano pola comisión dun delito de homicidio imprudente.

Ante todo o ocorrido, a familia do falecido fixo hoxe un chamamento urxente a todas as persoas que puideron ser testemuñas deste brutal ataque para que colaboren co seu testemuño no proceso xudicial xa en curso.

"A cooperación cidadá é crucial para esclarecer o ocorrido. Se viches algo, por favor, ponte en contacto connosco a través do correo electrónico justiciaparajuanfernandez@gmail.com", indican os parentes da vítima mortal no comunicado.

Aseguran que "non hai malentendido que xustifique unha agresión desta magnitude". Os familiares e amigos de Juan atópanse "devastados" pola súa morte e as circunstancias violentas nas que ocorreu. "Temos o firme propósito de traballar para que se faga xustiza e para que, entre todos, evitemos que isto volva suceder. Agradecemos de antemán calquera información que poidan proporcionar", conclúen.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade