A familia real belga fai base en Sarria para percorrer parte do Camiño
A familia real belga fai base en Sarria para percorrer parte do Camiño
Cada ano fan un treito do Camiño en familia. Comezaron en 2017 en Roncesvalles, e prevese que o vindeiro ano completen a etapa ata Santiago.
Os reis de Bélxica, Filipe e Matilde, e os seus catro fillos viaxaron con outros familiares e amigos para percorrer o Camiño Francés na súa entrada en Galicia.
Peregrinaron en varias etapas dende O Cebreiro ata Sarria, onde estableceron a súa base.
Elixiron un hotel de catro estrelas desta localidade luguesa que permitía albergar un grupo tan numeroso.
Neste establecemento fixéronse obras nos últimos meses para modernizar as súas dúas suites principais, e facilitar a privacidade e a seguridade da familia real belga.
Tanto, que a visita pasou case desapercibida para veciños e peregrinos.
"Non vin, ou non os recoñecín, claro", di unha veciña, mentres que outra asegura que "había algo movemento de xente, que supoño que serían os escoltas, pero ver non os vimos para nada".
Os compañeiros de peregrinación tampouco se decataron.
"Non sabiamos que estaban os reis de Bélxica".
Do pouco que transcendeu sábese que a comitiva real visitou o mosteiro de Samos e non perdeu ocasión de degustar no hotel algúns produtos da gastronomía galega.
"Un pan especial de Galicia, de centeo, que supoño que será para poñerlles algo típico de aquí", din nunha tenda de alimentación de Sarria.
Filipe e Matilde de Bélxica manteñen así a tradición de realizar o Camiño de Santiago en familia. Comezaron en 2017 en Roncesvales, e cada ano percorren varias etapas da ruta francesa, coa única paréntese da pandemia.
Desta volta, o percorrido da familia real belga rematou en Sarria. Todo apunta que o próximo ano regresarán para rematar a peregrinación en Santiago.