Dúas persoas mortas e catro feridas en tres accidentes nas estradas galegas
Dúas persoas mortas e catro feridas en tres accidentes nas estradas galegas
En Xinzo, un home morreu e a acompañante quedou ferida
Un veciño do Saviñao, de 40 anos, faleceu no sinistro de Sarria
En Vimianzo, o coche acabou encaixado no tanatorio de Baíñas
Noite negra nas estradas galegas con dúas persoas mortas e tres feridas -dúas delas en estado grave- en tres accidentes de tráfico rexistrados en Xinzo de Limia, Sarria e Vimianzo.
O último sinistro rexistrouse pouco antes das catro da mañá na parroquia de Lamas, no concello ourensán.
Foi unha saída de vía na que os dous ocupantes quedaron atrapados, polo que tiveron que intervir os bombeiros para os liberar. Un deles, un home, faleceu. A acompañante, unha muller, está ferida e foi trasladada ao hospital.
Accidentes en Sarria e Vimianzo
O outro accidente mortal tivo lugar a pasada medianoite á entrada da vila luguesa de Sarria pola estrada LU-546. Segundo transcendeu, o condutor saíu da vía, quedou atrapado e tamén tivo que ser liberado. Trátase dun veciño do Saviñao de 40 anos.
Saída de vía en Vimianzo
O terceiro accidente produciuse en Vimianzo. O coche impactou contra un noiro e acabou encastado literalmente dentro do tanatorio de Baíñas. Dous dos tres ocupantes tiveron que ser evacuados, en estado grave, ao hospital Virxe da Xunqueira de Cee.
Foi poucos despois das dez e media da noite. Os responsables do tanatorio recibiron o aviso dun veciño, o mesmo que alertou a Emerxencias, consciente da gravidade do sinistro. O 112 enviou as ambulancias desde Mazaricos e mobilizou os bombeiros do parque da Costa da Morte.
"O noso cometido foi estabilizar as vítimas, que estaban sendo estabilizadas por un sanitario do 061, cortarlle o teito e intentar retiralas. O condutor estaba atropado polos pés. A prioridade foi sacalo e trasladalo á ambulancia", explica Arturo Pasantes, cabo do Parque de Bombeiros da Costa da Morte.
Segundo comentaron algúns veciños, regresaban de pasar o día no campamento turístico de Brandoñas, a uns sete quilómetros de Baíñas.
O condutor coñecía moi ben a estrada, pero perdeu o control do coche ao coller a curva do tanatorio, despois dunha recta moi longa, nun punto cun extenso historial de accidentes.