A feira de Santos de Monterroso agarda recibir 20.000 visitantes
A feira de Santos de Monterroso agarda recibir 20.000 visitantes
Só se cancelou en dúas ocasións desde 1450
Tras a parada por mor da pandemia, este ano recuperouse a tradicional celebración da Feira de Santos de Monterroso. E regresa por todo o alto cos corredores entre os postos ateigados de xente.
A imaxe que deixa é propia da prepandemia xa dende primeira hora, aínda que con máscaras e distancias de seguridade. Máis de cincocentos postos ofrecen produtos da terra procedentes de todas as comarcas galegas. Monterroso conta recibir hoxe vinte mil visitantes.
Volver celebrarse a Feira de Santos de Monterroso é un exemplo máis de que se vai recobrando a ansiada normalidade tras a pandemia. Esta feira tradicional que, segundo o concello data de 1450, só se suspendeu en dúas ocasións, que se recorde: unha, pola gripe de 1918 e a segunda, polo coronavirus.
Xente de todo o país acode a este concello da comarca da Ulloa para encher a despensa para todo o inverno. Máis de cincocentos feirantes ofrecen de todo, produtos da terra, e da mellor calidade: queixo de Chantada, noces, mel caseiro, pan de Carballo, polbo do Carballiño...
Feira de interese turístico galego, que aspira a selo nacional, é unha das citas ineludibles do outono que atrae a milleiros de persoas cada primeiro de novembro. Monterroso, con 3.600 habitantes, conta hoxe recibir 20.000 visitantes.